Termas de Cuntis convértese no patrocinador do A Estrada Futsal para a vixente temporada. Posúe oito equipos incluíndo as categorías base cunha aposta “a tope” polo fútbol sala feminino. As dúas entidades manifestaron a súa “satisfacción” por esta colaboración, na confianza de que será moi proveitosa

A firma balnearia Termas de Cuntis acaba de pechar o patrocinio do club A Estrada Futsal para a vixente temporada 2016-17. A agrupación deportiva ten un equipo masculino na 3ª división nacional (grupo de Galicia), dous equipos femininos (un na liga autonómica e outro na liga provincial de Pontevedra), e cinco equipos nas categorías base: benxamín, alevín, infantil e dous de cadetes (onde xoga algunha nena). Logo da recuperación da tradición do fútbol sala na Estrada nos últimos anos, o club indica que quere potenciar “a tope” o deporte feminino, así como “consolidar a canteira e o futuro”.

As redes das porterías do pavillón municipal da Estrada “Manuel Coto Ferreiro”, sede do club con capacidade para unas 650 persoas, levarán rotuladas a marca patrocinadora de Termas de Cuntis, así como nas equipacións de todos os equipos. As dúas entidades amosaron a súa “satisfacción” pola colaboración asinada, na confianza de que será moi proveitosa. Esta temporada pretenden chegar aos mil cincocentos socios, superando o milleiro longo da pasada.

O primeiro equipo do A Estrada Futsal, cuxo presidente é José Manuel Reboredo, xoga na casa mañá sábado, ás 19:30 horas, partido que servirá para facer visible o patrocinio de Termas de Cuntis.

ambos-lados equipo-en-porteria porteria-libre