O Balneario de Cuntis colabora un ano máis co Maratón de San Antón, que se celebrará o domingo-21 pola mañá e pola tarde

A proba, de ata dez km e catorce categorías, congregará a uns 650 corredores profesionais e afeccionados de Galicia, León, Asturias, País Vasco e Portugal

As inscricións poden realizarse a través da web www.maratonsananton.org ou no teléfono 986 53 22 03

Cuntis-Santiago, 18 de agosto de 2016 (Vía Láctea Comunicación).- O Balneario de Cuntis colabora na organización da trixésimo sétima edición do Maratón de San Antón, que terá lugar o vindeiro domingo día 21 pola contorna da vila termal, que é “unha marabilla polas vistas que ofrece”. Dende a Asociación Deportiva Maratón San Antón prevén superar a participación do ano pasado e chegar aos 650 corredores afeccionados e profesionais, que se distribuirán en catorce categorías masculinas e femininas.

As inmediacións do Balneario de Cuntis serán o punto de saída e chegada das carreiras. A partir das 11:00 horas comezarán a disputarse as competicións das categorías superiores –de xuvenís en adiante–. Os atletas percorrerán un total de 10 kilómetros tanto polo casco vello de Cuntis como polas parroquias próximas ou a contorna do paseo fluvial. Xa pola tarde, ás 18:00 horas, será o turno das carreiras dos máis pequenos. Entregaranse unha media de cinco trofeos por categoría, número que depende da maior o menor participación en cada categoría.

Alfonso Iglesias, membro da organización que o día da proba suma un cento de persoas, asegura que virán corredores profesionais e afeccionados de toda Galicia e mesmo de León, Asturias, País Vasco e Portugal. Iglesias explica que a celebración deste evento naceu como complemento das festas patronais cuntienses. Agora recoñece que é moi coñecida en toda Galicia e favorece a chegada de visitantes á vila que “veñen a pasalo ben, atópanse nun sitio agradable con xente acolledora e nunca marchan coas mans baleiras”, subliña.

As inscricións poden realizarse a través da web www.maratonsananton.org ou no teléfono 986 53 22 03.

Tradicional homenaxe á memoria de Xulián Bernal

Xulián Bernal foi un atleta que comezou a correr a unha idade avanzada e anualmente competía no Maratón de San Antón de Cuntis. Dende o seu pasamento, no ano 2010, a organización desta cita deportiva decidiu entregar cada ano un trofeo co seu nome a cada categoría, e nesta edición serán os primeiros clasificados dos cadetes quen leven para casa a lembranza dun deportista moi querido polos veciños de Cuntis.

cartel 2016