Antigos Alumnos da USC homenaxea o museo Casa da Troia pola súa “destacada contribución cultural e museística” a Galicia

O luns colocarase unha placa na súa fachada ás 19 h

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2016 (Vía Láctea Comunicación).- A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni USC) homenaxea o museo Casa da Troia pola súa “destacada contribución cultural e museística” á Universidade de Santiago, á propia cidade e a Galicia, segundo di a acta da súa xunta directiva. “Recoñecemos o compromiso altruísta e continuado por manter viva unha tradición tan universitaria e compostelá vencellada á emblemática pensión de estudantes que reflectiu Alejandro Pérez Lugín na súa popular novela homónima, cuxo centenario se celebrou en 2015”, tal como engade a entidade, que fai extensivo o recoñecemento ao Padroado da Casa da Troia e á Asociación de Antigos Tunos Composteláns, sobre os que recae a xestión do museo.

A homenaxe concretarase na colocación dunha placa conmemorativa do centenario do relato costumbrista na fachada do inmoble, o vindeiro luns ás 19 horas, co seguinte texto:

“Lo cual aconteció (…) el memorable día en que el señor Roquer y Paz, don Gerardo, se fue a vivir a la casa de locos que regentaba en la calle de la Troya, de la ciudad de Santiago, la bondadosa señora Doña Generosa Carollo”.

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC á memoria de D. Alejandro Pérez Lugín, que inmortalizou esta casa na súa novela La casa de la Troya.

No centenario da primeira edición, Compostela, a 22 de febreiro de 2016.

Está previsto que asistan ao acto a presidenta de Alumni USC, Benita Silva; o presidente da Antigos Tunos Composteláns, Benigno Amor; a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o concelleira de Cultura, Branca Novoneyra, e a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

Benigno Amor agradece esta homenaxe e lembra que Pérez Lugín estudou Dereito nas aulas compostelás. O grupo de pulso e púa da Casa da Troia intervirá na propia rúa ao final das intervencións que fagan as autoridades.

exterior2