Músicos da Real Filharmonía de Galicia e alumnos do Conservatorio de Santiago celebran esta semana dous concertos conxuntos, o venres para colexios e o sábado para o público infantil e familiar  

As entradas do concerto do sábado custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2016

A Real Filharmonía de Galicia e o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela colaboran en diversas iniciativas de carácter musical. Entre estes proxectos destaca a celebración de concertos conxuntos entre músicos da orquestra e xoves alumnos do Conservatorio. Este venres ofrecerán un concerto didáctico para estudantes de primaria e secundaria, ás 11:00 horas no Auditorio de Galicia.

E ao día seguinte, o sábado, ás 18:30 horas, repetirán a actuación, nesta ocasión para as familias e para os máis pequenos, no marco do ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!, que busca achegar a orquestra e a música clásica a novos públicos. Neste caso as entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos.

En ámbolos concertos participarán músicos das dúas agrupacións, un total de 29 alumnos da Orquestra Sinfónica do Conservatorio e 30 compoñentes da Real Filharmonía de Galicia. A través desta iniciativa preténdese contribuír á formación dos futuros profesionais da música de cámara en Galicia. Nesta liña, a RFG colabora para que os alumnos do Conservatorio teñan a oportunidade de tocar, ao lado de músicos profesionais, o repertorio propio dunha grande orquestra.

A “Sinfonía nº 5” de Schubert, baixo a batuta do galego Diego García Rodríguez

A batuta destes dous concertos levaraa o director galego Diego García Rodríguez, natural do Concello coruñés de Boiro, que mantén unha colaboración habitual coa Real Filharmonía de Galicia. En ámbalas citas a orquestra interpretará a Sinfonía nº 5 do compositor austríaco Franz Schubert (1797-1828), considerado o introdutor do romanticismo musical. “Compúxose hai dous séculos, cando ao autor tiña 19 anos, e segue a sorprender” -salienta o director-. Pola súa expresión clásica e riqueza de melodías, está recoñecida como unha verdadeira obra mestra. O propio Alfred Einstein dixo que se trataba da mellor e máis elaborada peza instrumental de Schubert.