Segunda xornada do congreso que se celebra no auditorio de ABANCA (praza de Cervantes), organizado polos profesores da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela Mercè López e Benedict Buono sobre literatura e gastronomía en Italia e a Península Ibérica. Durante o día de hoxe continuaron os relatorios e conferencias impartidas arredor do mundo da filoloxía e a gastronomía, onde o Decamerón de Bocaccio e o Libro del conde Lucanor tiveron especial protagonismo, ademais da exhibición de cociña ou show cooking que se celebrou ao final das sesións na Praza de Abastos (20:30 horas), unha actividade dirixida polo Centro Superior de Hostelería de Galicia que titulou “Paralelismo entre literatura e gastronomía. A propósito de Álvaro Cunqueiro”.
Por outra parte, Segundo Vázquez Portomeñe deu unha conferencia aberta ao público en xeral sobre a cociña monástica no Camiño de Santiago, principalmente a partir dunha investigación que realizou no mosteiro de Sobrado de Monxes. Portomeñe sinala que as ordes monásticas antigas eran sobre todo vexetarianas e frugais, ademais do xexún e abstinencia periódicas que debían facer segundo a regra benedictina: “Malia todo, tamén comían algo de carne, xa que tiñan a encomenda de atender ben aos peregrinos e xantar carne con eles”.
O experto indica que foron “grandes creadores” de pratos de peixe, como troitas e salmóns fritos, asados ou afumados. “Pero en Sobrado tamén xantaban congro e polbo, porque dispoñían, por doazón, dunha zona de pesca exclusiva en Marín”. Ata o s. XVIII non chegaron a Galicia os garbanzos, as lentellas, o millo e o arroz, pero si tiñan verduras e hortalizas. En canto a cereais, na Idade Media, había un sustituto do millo, chamado millo míúdo ou panizo, e con “cuxos grans, cocidos con leite e dulcificados con mel, facían unha especie de arroz con leite”, segundo destaca o relator.
O pan facíase con panizo, centeo ou trigo do país, “máis moreno e máis ácido, pero máis saboroso, que apenas se conserva na actualidade en Galicia”. Tamén consumían améndoas importadas, coas que facían leite. E o viño era un produto “fundamental, xa que a regra benedictina di que lle hai que dar tres cuartillos de viño cada día ao monxe”, conclúe Portomeñe.
O congreso reúne a un cento de profesores e estudantes de Europa e América: Polonia, Holanda, Francia, Italia, España, USA e Brasil.
VENRES, xornada de peche
A terceira xornada desenvolverase mañá venres con novas comunicacións e ralatorios, onde sobresaen as dúas conferencias plenarias. O catedrático de Filoloxía Románica e, actualmente, profesor na Universidade de Ginebra Carlos Alvar (Granada, 1951) fará a súa intervención baixo o título “Arte de cocina y cortesía de mesa en la España medieval” (13:15 a 14 horas).
E o presidente da Accademia de la Crusca e catedrático de Historia da lingua italiana na Universidade de Piamonte Oriental en Vercelli (Italia), Claudio Marazzini, (Turín, 1949) clausurará o congreso falando da arte da linguaxe da cociña (18 a 19 horas). Marazzini será presentado polo seu homólogo da Real Academia Española, Darío Villanueva (director da RAE).
As entidades colaboradoras principais son ABANCA Obra Social, a Xunta de Galicia, o Centro Superior de Hostelería de Galicia, Galicia Calidade e o Institut Ramon Llull (organismo público catalán para a promoción exterior da lingua e cultura catalanas).