Bocaccio, o conde Lucanor e Cunqueiro, entre os protagonistas da segunda xornada do congreso. “As ordes monásticas antigas eran sobre todo vexetarianas, pero a regra benedictina indicaba comer cos peregrinos que recibían e comer carne con eles”, tal como sinalou o experto Segundo Vázquez Portomeñe. O presidente da Academia italiana, Claudio Marazzini, clausurará mañá venres o evento tras ser presentado polo seu homólogo, Darío Villanueva, director da Academia española

Segunda xornada do congreso que se celebra no auditorio de ABANCA (praza de Cervantes), organizado polos profesores da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela Mercè López e Benedict Buono sobre literatura e gastronomía en Italia e a Península Ibérica. Durante o día de hoxe continuaron os relatorios e conferencias impartidas arredor do mundo da filoloxía e a gastronomía, onde o Decamerón de Bocaccio e o Libro del conde Lucanor tiveron especial protagonismo, ademais da exhibición de cociña ou show cooking que se celebrou ao final das sesións na Praza de Abastos (20:30 horas), unha actividade dirixida polo Centro Superior de Hostelería de Galicia que titulou “Paralelismo entre literatura e gastronomía. A propósito de Álvaro Cunqueiro”.

Por outra parte, Segundo Vázquez Portomeñe deu unha conferencia aberta ao público en xeral sobre a cociña monástica no Camiño de Santiago, principalmente a partir dunha investigación que realizou no mosteiro de Sobrado de Monxes. Portomeñe sinala que as ordes monásticas antigas eran sobre todo vexetarianas e frugais, ademais do xexún e abstinencia periódicas que debían facer segundo a regra benedictina: “Malia todo, tamén comían algo de carne, xa que tiñan a encomenda de atender ben aos peregrinos e xantar carne con eles”.

O experto indica que foron “grandes creadores” de pratos de peixe, como troitas e salmóns fritos, asados ou afumados. “Pero en Sobrado tamén xantaban congro e polbo, porque dispoñían, por doazón, dunha zona de pesca exclusiva en Marín”. Ata o s. XVIII non chegaron a Galicia os garbanzos, as lentellas, o millo e o arroz, pero si tiñan verduras e hortalizas. En canto a cereais, na Idade Media, había un sustituto do millo, chamado millo míúdo ou panizo, e con “cuxos grans, cocidos con leite e dulcificados con mel, facían unha especie de arroz con leite”, segundo destaca o relator.

O pan facíase con panizo, centeo ou trigo do país, “máis moreno e máis ácido, pero máis saboroso, que apenas se conserva na actualidade en Galicia”. Tamén consumían améndoas importadas, coas que facían leite. E o viño era un produto “fundamental, xa que a regra benedictina di que lle hai que dar tres cuartillos de viño cada día ao monxe”, conclúe Portomeñe.

O congreso reúne a un cento de profesores e estudantes de Europa e América: Polonia, Holanda, Francia, Italia, España, USA e Brasil.

VENRES, xornada de peche

A terceira xornada desenvolverase mañá venres con novas comunicacións e ralatorios, onde sobresaen as dúas conferencias plenarias. O catedrático de Filoloxía Románica e, actualmente, profesor na Universidade de Ginebra Carlos Alvar (Granada, 1951) fará a súa intervención baixo o título “Arte de cocina y cortesía de mesa en la España medieval” (13:15 a 14 horas).

E o presidente da Accademia de la Crusca e catedrático de Historia da lingua italiana na Universidade de Piamonte Oriental en Vercelli (Italia), Claudio Marazzini, (Turín, 1949) clausurará o congreso falando da arte da linguaxe da cociña (18 a 19 horas). Marazzini será presentado polo seu homólogo da Real Academia Española, Darío Villanueva (director da RAE).

As entidades colaboradoras principais son ABANCA Obra Social, a Xunta de Galicia, o Centro Superior de Hostelería de Galicia, Galicia Calidade e o Institut Ramon Llull (organismo público catalán para a promoción exterior da lingua e cultura catalanas).

segundo-portomene