A Cámara de Santiago e SabadellGallego ofrecen aos asociados camerais unha liña de crédito de 100 millóns de euros para dar cobertura as súas necesidades financeiras en internacionalización, vendas e novas tecnoloxías

As empresas terán a súa disposición un proxecto “chave en man” de eficiencia enerxética no que se estudarán solucións para aforrar enerxía e reducir gasto corrente 

Estes servizos foron acordados na sinatura dun convenio de colaboración que terá vixencia dun ano 

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e SabadellGallego asinaron hoxe un convenio de colaboración para que empresas, autónomos e comercios asociados á entidade cameral poidan beneficiarse de liñas de crédito e servizos que permitan o financiamento das súas vendas, o acceso a novos mercados nacionais ou internacionais ou a incorporación de novas tecnoloxías para conseguir unha maior competitividade económica. O acto de sinatura, que se celebrou no salón de actos da Cámara compostelá, estivo presidido polo presidente cameral, José Sierra, e o director General de SabadellGallego, Pablo Junceda.En concreto, o acordo inclúe o acceso a unha liña de crédito por valor de 100 millóns de euros coa que SabadellGallego pretende facilitar e dar cobertura ás necesidades financeiras –tanto de ámbito nacional como internacional– das empresas vinculadas á Cámara de Comercio de Santiago. Así, as empresas poderán mellorar en innovación coa integración de novas tecnoloxías, optarán a financiamento do circulante en calquera das súas modalidades ou financiamento a medio-longo prazo de novos investimentos en activos fixos mediante préstamos e leasing.

Ademais de trasladar ás empresas as liñas de financiamento e servizos do banco, o convenio establece que a Cámara de Comercio de Santiago promoverá seminarios e conferencias relacionadas con cuestións financeiras. Pola súa parte, SabadellGallego porá a disposición dos membros da Cámara xestores especializados en plataformas de pagos eCommerce para facilitarlles solucións diferenciadas e seguras, así como outros servizos no ámbito das vendas por Internet. Outra obriga que deberá cumprir o banco será poñer a disposición das empresas un proxecto “chave en man” de eficiencia enerxética no que se estudarán solucións para aforrar enerxía e reducir gasto corrente. Tamén SabadellGallego ofrecerá ás empresas a rede exterior do banco e o asesoramento internacional dun equipo de profesionais.

E no marco deste convenio, dun ano de vixencia, a Cámara e SabadellGallego crearán un programa de atención personalizada para dar resposta a todas as xestións relacionadas co ámbito bancario.