O CPEIG e AMTEGA organizan a próxima semana unhas xornadas para fomentar o talento dixital da mocidade nas Aulas CeMIT de Guitiriz e Pontedeume

Impartirase un taller sobre deseño de personaxes para videoxogos 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizaron este verán máis de 40 xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos enmarcadas no programa “Tech Kids”, destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega.

Esta semana celebraranse as últimas xornadas, o taller de “Deseña a túa personaxe” nas Aulas CeMIT dos concellos de Guitiriz (venres-21 de 15 a 21 horas) e de Pontedeume (Centro FOREMDES. sábado-22 de 9 a 15 horas). Os mozos e mozas interesados en participar nestas xornadas deben inscribirse na Aula CeMIT da súa localidade.

Do deseño na fase de Concept Art ata o modelado en 3D

Esta xornada, titulada “Deseña o teu personaxe”, estará destinada á creación de personaxes para videoxogos. Os máis pequenos aprenderán a crear un personaxe desde o seu deseño na fase de Concept Art ata o seu modelado en 3D. Ademais, coñecerán os trucos necesarios para enfrontarse aos puntos clave do proceso, como son a anatomía, dimensións, proporcións, sensacións que debe transmitir, así como a ambientación e historia do personaxe.