O CPEIG anima a usar a lingua galega para navegar pola rede no Día de Internet [17 de maio] para difundir a nosa cultura

Fernando Suárez, presidente: “Hai que procurar que o galego se converta na lingua de referencia nas redes sociais entre a mocidade, que é quen máis as utiliza” 

No Día Mundial de Internet, nomeado formalmente como Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e que se celebra por iniciativa da Asociación de Usuarios de Internet (www.aui.es) desde 2005 o 17 de maio coincidindo na nosa Comunidade autónoma co Día das Letras Galegas, o Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) fai pública unha reivindicación do uso da lingua galega na navegación por Internet e no manexo das redes sociais.

O Día de Internet xorde coa intención de poñer en valor a importancia que teñen as tecnoloxías da información na sociedade. Pero ademais, o CPEIG considera que pode ser unha xornada para deixar constancia de que os cidadáns galegos poden empregar a súa propia lingua en Internet, e non só o castelán ou o inglés como maioritaria e instintivamente se pensa.

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, desvela que o galego, aínda que poida sorprender, está situado entre as 50 primeiras linguas con máis presenza e o número 26 en redes sociais, en relación ás máis de 6.000 linguas que existen no mundo segundo cifras da Unesco. “O inexorable avance de Internet e o seu afianzamento en todos os estratos da nosa sociedade está a cambiar o mundo dun xeito vertixinoso. E estes cambios afectan, como non podía ser doutro xeito, ás linguas tal e como as coñecemos, pois son a ferramenta que utilizamos para nos comunicar nos novos medios electrónicos. Aquelas que non estean activas en Internet están abocadas a desaparecer, estimándose que a finais do século XXI, máis da metade das existentes desaparecerán” –sinalou Suárez–.

O CPEIG considera que a boa saúde do galego garante o seu uso en Internet, o que axudará a difundir a riqueza cultural, patrimonial, lingüística e social de Galicia, aínda que destaca que se precisa do apoio das Administracións Públicas. “Hai que procurar que o galego se converta na lingua de referencia nas redes sociais entre a mocidade, que é quen máis as utiliza” –apunta Suárez–. E tamén incide que nun futuro pódese procurar a galeguización das redes sociais, conseguindo versións no idioma galego de cada unha delas. 

Compromiso para transformar a fenda dixital nunha oportunidade para todos

A proliferación de dispositivos móbiles, onde España figura nas primeiras posicións a nivel mundial, xunto coa propia natureza relacional do ser humano, fai que a ubicuidade do acceso á Rede sexa unha realidade que contribúe a unha inxente xeración de información. Dita realidade, fomenta o auxe de novas disciplinas que xerarán innovación e emprego nos vindeiros anos, como son o caso de Big Data, Open Data ou a Internet das Cousas.

O CPEIG amosa publicamente o seu compromiso por construír unha Sociedade da Información centrada na persoa, inclusiva e onde todos poidan crear, acceder, utilizar e compartir a información e o coñecemento para permitirlles ás persoas, comunidades e pobos alcanzar o seu pleno potencial na promoción do seu desenvolvemento sostible e a mellora da súa calidade de vida.

O rápido progreso das tecnoloxías da información brindan oportunidades sen precedentes de acadar niveis máis elevados de desenvolvemento. Porén, os beneficios desta revolución están distribuídos de forma desigual entre os países desenvolvidos e en desenvolvemento, así como dentro das sociedades. O CPEIG está totalmente comprometido en transformar esta fenda dixital nunha oportunidade para todos, especialmente para aqueles que están en perigo de quedar atrás e aínda máis marxinados.

Ademais, o CPEIG considera necesarias unha educación e concienciación a todos os niveis para evitar o aumento da fenda existente non só entre xeracións, senón tamén entre distintos colectivos sociais por razóns de ingresos, situación xeográfica ou xénero en canto ás TIC se refire.