O CPEIG e AMTEGA organizan a próxima semana unhas xornadas para fomentar o talento dixital da mocidade nas Aulas CeMIT de Betanzos, Leiro, Marín, O Vicedo, O Porriño, Ortigueira, O Barco, Pontevedra, San Sadurniño, Celanova e Cuntis

Impartirase talleres sobre iniciación á programación e robótica, pilotaxe de drons e deseño de personaxes para videoxogos

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) están a organizar este verán máis de 40 xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos enmarcadas no programa “Tech Kids”, destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega.

Esta vindeira semana celebrarase unha xornada sobre os “Retos de programación e robótica” nas Aulas CeMIT dos concellos de Betanzos (luns-3), Marín (martes-4), O Porriño (mércores-5), San Sadurniño (venres-7) e Cuntis (sábado-8); outra xornada sobre “Pilotaxe de drons” nas Aulas CeMIT dos concello de Leiro (luns-3), O Vicedo (martes-4), Ortigueira (mércores-5), O Barco de Valdeorras (xoves-6) e San Sadurniño e Cuntis (sábado-8); e unha terceira xornada de “Deseña a túa personaxe” nas Aulas CeMIT dos concellos de Pontevedra (venres-7) e Celanova (sábado-8). Os mozos e mozas interesados en participar nestas xornadas deben inscribirse na Aula CeMIT da súa localidade.

Nas xornadas de retos de programación e robótica (Stem Scape Room), os desafíos para os participantes xirarán ao redor da iniciación á programación con escornabot, printbot ou programación de videoxogos con makey makey.

O reto da programación con escornabot consistirá en percorrer un circuíto con obstáculos levando dun punto a outro o robot. Os rapaces terán que programar o escornabot para que evite as dificultades e consiga chegar á meta dunha soa peza. A finalidade deste taller é iniciar aos nenos e nenas nos primeiros conceptos da programación, análise, resolución e ordenación.

O reto da programación con printbot consistirá en programar un código que se executará no robot, que terá unha electrónica capaz de seguir unha liña negra sobre un fondo branco. Os máis pequenos aprenderán a programar cunha linguaxe visual o código preciso para que o robot sexa capaz de seguir a liña.

E no reto da programación de videoxogos con makey makey, os cativos usarán esta ferramenta para achegarse á electrónica creando un proxecto no que se simulará o xogo de mesa de operación. Utilizando como linguaxe de programación o scratch, os participantes programarán o seu propio videoxogo de operación. 

Piloto de drons, unha das profesións máis de moda 

Co auxe actual dos drons e o aumento de ofertas de traballo relacionadas con esta tecnoloxía, na que se fan tarefas de mantemento, entregas a domicilio ou traballos audiovisuais con drons, a xornada de iniciación na pilotaxe de drons está destinada a rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos que coñecerán as súas partes, como se montan e como son capaces de voar. Tamén farán unha práctica empregando dous tipos de aeronaves: un overcraft –para entender os controis e movementos– e un dron co que percorrerán un circuíto e mesmo competirán entre eles.

Do deseño na fase de Concept Art ata o modelado en 3D

E a última das xornadas, titulada “Deseña o teu personaxe”, estará destinada á creación de personaxes para videoxogos. Os máis pequenos aprenderán a crear un personaxe desde o seu deseño na fase de Concept Art ata o seu modelado en 3D. Ademais, coñecerán os trucos necesarios para enfrontarse aos puntos clave do proceso, como son a anatomía, dimensións, proporcións, sensacións que debe transmitir, así como a ambientación e historia do personaxe.

O tesoureiro do CPEIG e responsable do programa “Tech Kids”, Francisco Rodríguez, sinala que tanto o Colexio profesional como Amtega teñen como obxectivo fomentar o “talento dixital” das nenas e nenos de toda Galicia. De feito, indica que moitos dos empregos actuais desaparecerán –sobre un 43% dos postos de traballo actuais– e haberá novos traballos con competencias no ámbito dixital.  En concreto, explica que estes talleres pretenden mellorar a conciencia entre a xente nova de que a aplicación de computación e codificación para os problemas sociais reais pode axudar a cambiar o mundo. 

O representante do CPEIG apunta que nestas sesións celebraranse competicións nos distintos ámbitos do programa “Tech Kids”: programación, robótica, manexo de drons, creación de personaxes para videoxogos…, de xeito que se ofreza aos mozos e mozas unha oportunidade para achegarse de forma lúdica e divertida á tecnoloxía e á enxeñaría en informática. “A mocidade deberá superar distintos retos e desafíos, aprendendo e poñendo en práctica o seu talento dixital e amosando a súa capacidade de resolución de problemas, ao tempo que desenvolverá competencias persoais como a creatividade e o interese pola ciencia e tecnoloxía” –destaca–.

Tamén se fará fincapé no fomento do talento dixital feminino, para que as nenas e rapazas vexan a computación e a enxeñería como algo propio delas e consideren a profesión de enxeñaría en informática como un traballo que as axudará a acadar os seus soños e ambicións. 

XORNADAS TECH KIDS VERÁN 2018
3 de setembro Xornada de robótica Betanzos. Aula CeMIT. Oficina municipal de información xuvenil (rúa Emilio Romay, 1). 9 a 14 horas
3 de setembro Xornada de pilotaxe de drons Leiro. Aula CeMIT (rúa Padre Eiján s/n). 15 a 20 horas
4 de setembro Xornada de robótica Marín. Aula CeMIT. Biblioteca Pública Municipal Vidal Pazos (Avda de Ourense, 8). 9 a 14 horas
4 de setembro Xornada de pilotaxe de drons O Vicedo. Aula CeMIT (Travesía da mariña, 57). 9 a 14 horas
5 de setembro Xornada de robótica O Porriño. Aula CeMIT  (Multicentro de Torneiros, Ribeira s/n). 15 a 20 horas
5 de setembro Xornada de pilotaxe de drons Ortigueira. Aula CeMIT (Antigo Centro de Saúde. Rúa Márquez Cortiñas, s/n). 9 a 14 horas
6 de setembro Xornada de pilotaxe de drons O Barco de Valdeorras. Aula CeMIT (Casa do Concello. Praza do Concello 2, 2º andar). 9 a 14 horas
7 de setembro Xornada de robótica San Sadurniño. Aula CeMIT (Avda Marques de Figueroa, 11) 9 a 14 horas
7 de setembro Xornada “Deseña o teu personaxe” Pontevedra. Aula CeMIT (Edificio Administrativo da Deputación. Gran Vía de Montero Ríos s/n). 15 a 21 horas
8 de setembro Xornada de robótica Cuntis. Aula CeMIT (Casa do Médico. Circunvalación Don Aurelio, 65). 9 a 14 horas
8 de setembro Xornada de pilotaxe de drons San Sadurniño. Aula CeMIT (Avda Marques de Figueroa, 11) 9 a 14 horas
8 de setembro Xornada “Deseña o teu personaxe” Celanova. Aula CeMIT (Parque das Triguerizas s/n). 9 a 15 horas
10 de setembro Xornada de pilotaxe de drons Cerceda. Aula CeMIT (Vila Deportiva Fernando González Laxe, s/n, 1º Andar). 9 a 14 horas
10 de setembro Xornada de robótica Abegondo. Aula CeMIT (Casa do Concello. Rúa San Marcos, 1). 9 a 14 horas
11 de setembro Xornada de pilotaxe de drons Valga. Aula CeMIT (Ferreirós, 1 Cordeiro). 9 a 14 horas
11 de setembro Xornada de robótica Fisterra. Aula de Deportes do Concello de Fisterra (Rúa Santa Catalina, 1). 9 a 14 horas
12 de setembro Xornada de pilotaxe de drons Celanova. Aula CeMIT (Parque das Triguerizas s/n). 16 a 21 horas
12 de setembro Xornada de robótica Pontedeume. Aula CeMIT (Centro FOREMDES. Av. Ricardo Sánchez, 6). 9 a 14 horas
13 de setembro Xornada de pilotaxe de drons Ribadeo. Sala de Cultura (Casa Viejo Pancho, 12). 9 a 14 horas
13 de setembro Xornada de robótica Pontevedra. Aula CeMIT (Edificio Administrativo da Deputación. Gran Vía de Montero Ríos s/n). 15 a 20 horas
14 de setembro Xornada de pilotaxe de drons Vimianzo. Aula CeMIT (Casa da Cultura. Rúa A Braña, s/n). 10 a 15 horas
14 de setembro Xornada “Deseña o teu personaxe” Narón. Aula CeMIT (Antiga Casa do Concello. Praza do Concello, s/n). 15 a 21 horas
15 de setembro Xornada “Deseña o teu personaxe” Leiro. Aula CeMIT (rúa Padre Eiján s/n). 15 a 21 horas
21 de setembro Xornada “Deseña o teu personaxe” Guitiriz. Aula CeMIT (Rúa do Concello, s/n). 15 a 21 horas
22 de setembro Xornada “Deseña o teu personaxe” Pontedeume. Aula CeMIT (Centro FOREMDES. Av. Ricardo Sánchez, 6). 9 a 15 horas