O CPEIG recomenda á sociedade galega un uso “responsable e seguro” dos datos persoais que fai públicos cos seus dispositivos no Día Internacional da Internet das Cousas

Fernando Suárez, presidente: “As pulseiras de control deportivo ou reloxos intelixentes poden ser unha fonte de ataques á privacidade e á seguridade dos cidadáns” 

Con motivo do Día Internacional da Internet das Cousas (https://www.iotday.org), organizado hoxe luns, 9 de abril, polo IOT Council, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) considera de vital importancia que a sociedade galega sexa consciente dos dispositivos da Internet das Cousas que emprega e faga un uso responsable e seguro dos mesmos de cara o envío de datos persoais e a súa publicación en Internet.Denomínase “Internet das Cousas” a todo o ecosistema de dispositivos que procesan datos e información e están conectados entre eles e con Internet. Actualmente, calcúlase que máis de 8.400 millóns de dispositivos conectáronse a Internet no 2017 e algunhas consultoras como Gartner, calculan que no ano 2020 serán 20.000 millóns de dispositivos (sen contar teléfonos móbiles, tabletas ou ordenadores).

O crecemento da Internet das Cousas traerá evidentes melloras sociais e económicas. Segundo a tecnoloxía avance, poderanse obter mellores produtos e servizos para a sociedade, por exemplo, no eido da teleasistencia ou do control continuo de variables de saúde. As empresas posuirán cada vez máis datos dos usuarios e poderán anticipar as súas necesidades e proporcionarlle servizos que axuden á toma de decisións e a aforrar cartos e tempo, como no ámbito do fogar cos dispositivos de control de consumo e de medición dos parámetros ambientais.

Mentres o desenvolvemento de Internet das Cousas proporciona claros beneficios á sociedade é preciso ser conscientes das súas eivas no ámbito da privacidade e da seguridade. En concreto, o CPEIG considera que os cidadáns deben tomar conciencia dos dispositivos que manexan e que se conectan a Internet para o envío de datos ou seguimento de diversas actividades, como termostatos intelixentes, cámaras web intelixentes, Smart Tv, teleasistencia, pulseiras de control deportivo ou reloxos intelixentes.

“Todos estes dispositivos poden ser unha fonte de ataques á privacidade e á seguridade dos cidadáns. Por exemplo, no ámbito da seguridade están documentados ataques masivos a cámaras web dos fogares ou a televisións intelixentes, E no ámbito da privacidade a publicación sen control de datos de pulseiras deportivas (tipo fitbit) con información sensible como as rutas xeográficas nas que practica deporte ou a súa actividade sexual” –explica o presidente do CPEIG, Fernando Suárez–.

O Colexio recomenda usar estes dispositivos de forma segura, protexendo os seus datos persoais e a súa difusión mediante a lectura e comprensión das cláusulas de contratación que son aceptadas na instalación e uso dos mesmos. Tamén incide na necesidade de reforzar as conexións dos dispositivos conectados, sobre todo no fogar, mediante instalacións profesionais con redes seguras e inhabilitar calquera tipo de opción de conexión que non sexa precisa para o bo funcionamento do servizo.

Desde o punto de vista do deseño e a fabricación destes dispositivos, os profesionais do CPEIG velan pola seguridade nestes dispositivos desde o seu deseño, incluíndo características avanzadas de programación que teñan en conta os seus posibles riscos e mitiguen os ataques. “O consumidor debe dispoñer de mais información na súa compra para poder distinguir aqueles dispositivos deseñados cunha perspectiva de seguridade e non cunha perspectiva de fabricación de baixo custe” –sinala–.