Termas de Cuntis trata problemas respiratorios dos máis pequenos con exercicios terapéuticos, grazas ás propiedades especiais das súas augas mineiromedicinais

Rosa Martínez, doutora do balneario: “Os obxectivos son lograr unha boa ventilación bronco-pulmonar, diminuír o consumo de medicamentos, ofrecer confianza ao neno coa súa enfermidade e evitar crises de asma bronquial”

A campaña, dirixida a rapaces de entre catro e dezaseis anos, estenderase ata o 15 de abril 

O balneario Termas de Cuntis pon en marcha unha campaña dirixida a tratar enfermidades respiratorias en nenos e nenas de entre catro e dezaseis anos, que se desenvolverá de luns a venres ata o 15 de abril, en horario de 17:00 a 19:00 horas. Aerosois ou nebulizadores, inhalacións, duchas nasais ou a estufa de vapor coas augas mineromedicinais son os tratamentos e exercicios respiratorios –para realizar fóra ou dentro da piscina terapéutica– indicados para abordar as distintas patoloxías nas vías respiratorias altas e baixas, tales como rinite, farinxite e otite, por unha banda, ou asma e bronquite crónica, polo outra.Rosa Martínez López, médico de Termas de Cuntis, sinala que este programa terapéutico está baseado nas propiedades especiais das augas mineiromedicinais de Cuntis. “Os obxectivos principais son lograr unha boa ventilación bronco-pulmonar, diminuír o consumo de medicamentos, ofrecer confianza ao neno ou nena con súa enfermidade e evitar crises de asma bronquial” –indica–.

A médico explica que os aerosois e inhaladores conseguen romper a auga termal en microgotas que son inhaladas para finalmente chegar ás vías respiratorias. Ademais de tratar as citadas patoloxías crónicas, a doutora apunta que o tratamento, dunha media hora de duración, favorece que os máis pequenos poidan expulsar abundante moco causado por catarros ou alerxias. En concreto, a doutora sinala que as augas sulfurosas de Termas de Cuntis son mucolíticas, polo que fluidifican o moco e favorecen a expectoración.

Durmir mellor e tusir e ter menos moscos 

Indica tamén a médico que estes tratamentos en nenos son moi eficaces. “Tratamos estes procesos crónicos nos momentos de intercrise, pero nunca na fase aguda. Para asegurar a súa efectividade é necesario repetilo dous ou tres veces ao ano” –manifesta–. E para comprobar a evolución destaca que o máis importante é o testemuño dos pais, que son os que explican se o neno “dorme mellor, tose menos ou ten menos moco”.

A doutora Martínez insiste en que estes tratamentos “completamente naturais e sen efectos secundarios” teñen como finalidade primordial reducir a medicación, ou sexa, o uso de fármacos. Tras seis anos realizando estas campañas de primavera e outono, boa parte dos nenos volven: “Dous de cada tres repiten, porque as augas reducen moitísimo os síntomas e por iso aumenta moito a súa calidade de vida”.

A modo de premio e para estimular a motivación dos rapaces, o tratamento compleméntase cun pequeno programa lúdico, que consiste nunha bañeira termal de hidromasaxe e un baño nas piscinas do Acquaform, onde a fisioterapeuta lles ensinará a respirar mellor. 

Ver vídeo do tratamento de respiratorio infantil en Termas de Cuntis: https://www.youtube.com/watch?time_continue=103&v=W75LpTALz94