O arquitecto Alejandro de la Sota será homenaxeado o 14 de abril no Día das Artes Galegas

Celebrarase un acto institucional no Teatro Principal de Pontevedra ás 19:00 horas, presidido por Núñez Feijóo

Inaugurarase proximamente nas rúas da cidade unha exposición sobre a súa obra arquitectónica

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) homenaxea no Día das Artes Galegas 2018 ao arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota. Aínda que a efeméride ten como data oficial de celebración o día 1 de abril, ao coincidir este ano domingo e cos festexos de Semana Santa, a organización acordou trasladar o acto institucional ao sábado 14 de abril.

A conmemoración celebrarase cun acto solemne no Teatro Principal de Pontevedra, ás 19:00 horas, que contará coa asistencia do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño; ademais doutras autoridades e representantes do ámbito cultural galego. O presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, inaugurará a homenaxe que terá como discurso central unha glosa adicada ao arquitecto que lerá o vicepresidente da Real Academia Galega de Belas Artes, o arquitecto Celestino García Braña. O Día das Artes Galegas contou este ano coa inestimable colaboración do Colexio de Arquitectos de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello de Pontevedra. Ademais, a Real Academia Galega de Belas Artes organizará outras actividades complementarias para homenaxear ao arquitecto, como unha exposición que se inaugurará proximamente nas rúas de Pontevedra ou un ciclo de conferencias sobre a súa obra arquitectónica.

“Sen dúbida pode e debe ser considerado unha das personalidades galegas máis influentes do século XX e, probablemente, o máis notable de entre os arquitectos españois da segunda metade dese século. A súa obra esténdese por toda España e, loxicamente en Galicia, onde os seus edificios son dos máis estudados e publicados da nosa Arquitectura Moderna” –manifesta a Real Academia Galega de Belas Artes–.

Alejandro de la Sota Martínez (Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996) foi un dos arquitectos españois mais prestixiosos e recoñecidos do seu tempo. A súa arquitectura, desde os seus inicios na profesión, enlaza co pensamento máis avanzado do Movemento Moderno europeo. A súa forma de abordar o proxecto a través da idea, dunha argumentación conceptual e abstracta, da experimentación no uso dos materiais e dunha expresividade concisa e elocuente, ocupan un lugar central no discurso intelectual da arte e a arquitectura do século XX. Desde as súas propias realizacións, nas súas diferentes ocupacións como arquitecto, no Instituto de Colonización, funcionario na Dirección Xeral de Correos, e como docente na Escola de Arquitectura de Madrid, a influencia da súa obra e do seu pensamento foi inmensa, tanto na súa contorna xeracional como nas décadas posteriores, chegando ao momento actual, en que unha gran parte dos arquitectos españois considéranse os seus discípulos.

A fascinación que provoca a obra de Alejandro de la Sota non só reside na súa forma de elaborar unha arquitectura sincera, sen o menor exceso, sen o menor indicio de vaidade ou grandilocuencia. O realmente relevante é que mostrou a forma de facer da arquitectura unha forma de vivir, de entender o mundo, de gozar da cultura e o coñecemento, de observar e de aprender. No Sota mestre e no Sota arquitecto hai unha continuidade vital, unha coherencia de formulacións e unha honestidade indisociables.

Os edificios de Alejandro de la Sota son tan queridos para os arquitectos como quizá difíciles de entender para os alleos a esta disciplina. O pasado ano comunicouse a lamentable noticia do derrubo da casa Guzmán. A súa elegante sobriedade compositiva e a súa discreción inducen á procura e ao achado de formulacións brillantes que a miúdo pasan inadvertidas. A enérxica resolución na sección do ximnasio do Colego Maravillas (Madrid, 1961) ou a contundente composición da fachada do Goberno Civil de Tarragona (1957) son dúas imaxes icónicas do estilo internacional que, como recoñece William Curtis, aliñaban á España da autarquía na vangarda arquitectónica europea.

“Enorme é a débeda contraída pola sociedade con este gran arquitecto, mestre á súa vez de grandes arquitectos e referente moral e intelectual de varias xeracións ás que transmitiu un valioso legado de sabedoría e coñecemento” –asegura a Real Academia Galega de Belas Artes–. A súa obra foi recoñecida e valorada nacional e internacionalmente, exposta e publicada en EEUU, Alemaña, Francia, Reino Unido, Alemaña, Suíza e Italia. 

Traxectoria docente e profesional

Entre os anos 1956 e 1972, Alejandro de la Sota foi profesor de Elementos de Composición y Proyectos na ETSA de Madrid. Ditou numerosas conferencias nas escolas de arquitectura españolas e estranxeiras. Foi gañador de importantes concursos – Premio Nacional de Arquitectura polo edificio de aulas e seminarios da Universidad de Sevilla (1974), Medalla de Ouro ao Mérito de las Bellas Artes (1986), Medalla de Ouro de Arquitectura do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (1988), Premio PINAT (1988) ou a Medalla de Ouro de Arquitectura do Colegio de Arquitectos de Cataluña (1996) –e tamén xurado noutros tantos. E numerosos son, tamén, os seus escritos. A súa obra foi profusamente divulgada en revistas e libros nacionais e estranxeiros e protagonista dun gran número de exposicións, varias delas fóra do país. A transcendencia da súa obra está máis que acreditada e foi estudada por eminentes críticos internacionais como Leonardo Benévolo, Kenneth Frampton ou William Curtis.

Vídeos do Colexio de Arquitectos de Galicia sobre as obras de Alejandro de la Sota en Galicia: http://portal.coag.es/portfolio/xel-delasota-1913-2013/