O CPEIG impartirá mañá unha charla sobre os criterios para educar aos rapaces na era das novas tecnoloxías no Colegio Junior´s de Santiago

O presidente do Colexio profesional, Fernando Suárez, comentará os principais perigos da rede, como o ciberbullyng, grooming, phising ou fraude, virus, contidos desapropiados e falsos, correos lixo e a violación da privacidade 

Destinada a pais e nais de alumnos do centro, celebrarase ás 16:00 horas na aula de conferencias do centro 

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, impartirá mañá venres, día 9, unha charla no Colegio Junior´s de Santiago de Compostela (Roxos – Silvouta 81), titulada “Educar na era das pantallas”. A charla celebrarase ás 16:00 horas na aula de conferencias do centro.

Fernando Suárez explicará aos pais e nais asistentes á conferencia os criterios que deben manter á hora de educar ao seus fillos e fillas en relación ás novas tecnoloxías e redes sociais. Segundo o estudo “Screening do uso problemático de internet entre os adolescentes da comunidade galega”, elaborado en 2014 pola Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago e o Valedor do Pobo para coñecer os hábitos de uso de internet entre os estudantes de ESO en Galicia (255 centros participantes e 44.051 adolescentes de 12 e 17 anos), un 71% dos enquisados afirmaron que usaban a diario internet, o 13,5% conéctase máis de 5 horas ao día (22,9% no fin de semana) e un 81% accede a través do seu móbil. De este análise tamén se extraeu que un 8,9% dos enquisados sentiuse algunha vez ameazado ou acosado a través de internet e o 6,8% ameazou ou acosou a alguén. Ademais, detectouse un 4% de sexting ou envío de mensaxes sexuais polo móbil e un 31,4% recoñeceu ter contactado con descoñecidos a través da rede, chegando nun de cada tres casos a quedar fisicamente con eles. E nalgúns casos mesmo se detectou adición á rede.

O presidente do CPEIG comentará todos estes perigos: ciberacoso, ciberbullyng, grooming, phising (fraude), os virus e troianos, contidos desapropiados e contidos falsos, correos lixo, spam ou cadeas e a violación da privacidade. Neste contexto, Fernando Suárez recomenda aos pais e nais que advirtan ao seus fillos e fillas dos perigos de internet e de como facer unha navegación segura. Explica que os menores deben protexer a súa privacidade, ordenadores e rede, ser críticos xa que non todo o que hai en internet é bo, respectuosos e responsable, dosificar o uso de internet e falar cos pais e profesores se hai un problema.