COMUNICADO do Colexio de Arquitectos de Galicia sobre a licitación da obra da terminal de autobuses integrada na estación intermodal de Ourense

Á vista do anuncio no DOG nº 40 do luns 26 de febreiro del 2018, de licitación da  obra da terminal de autobuses integrada na estación intermodal de Ourense, a Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), en sesión celebrada en data do 1 de marzo, manifesta o seguinte:

Con data de 13 de xuño de 2017, o COAG realiza unha alegación ao proxecto integrador da estación intermodal de Ourense, manifestando a súa posición contraria á proposta por non cumprir en absoluto cos obxectivos establecidos a priori, e que non eran outros que lograr que todos os medios de transporte implicados nesta actuación se interrelacionen de maneira rápida, eficiente e co menor custe ambiental e económico posible, e a mellora da permeabilidade transversal no contorno da actuación.

A alegación pódese consultar en: http://portal.coag.es/coagactua/alegacions-do-coag-ao-proxecto-integrador-da-estacion-intermodal-de-ourense-proxectos-de-estacion-de-ferrocarril-e-conexions-de-permeabilidade-transversal-estacion-de-autobuses-aparcamento-para-tur/

Tras esa alegación e nese claro compromiso co territorio galego, o COAG promoveu diferentes reunións entre o0s representantes das Administracións local e autonómica e do propio COAG en aras de contribuír á necesaria mellora da proposta presentada.

Actualmente, tralo análise do proxecto que se publica para licitar a obra da terminal de autobuses, e que introduce unha serie de variacións en relación ao exposto publicamente, o COAG vese obrigado a manifestar novamente o seu total desacordo coa proposta realizada, solicitando ás administracións implicadas a súa revisión completa ao non resolverse os problemas apreciados polo COAG na súa alegación.

As variacións formuladas no proxecto de execución consisten substancialmente:

  • A substitución da dobre comunicación rodada entre a terminal de autobuses e a rúa Eulogio Gómez Franqueira por unha única comunicación rodada.
  • Novo deseño de terminal de estación de autobuses, mantendo a súa posición.

A substitución da dobre comunicación rodada por unha única, mantendo o acceso á terminal de autobuses a través dun lateral do centro de saúde, non incide de maneira algunha no número de vehículos que soportará a rúa Eulogio Gómez Franqueira. Todos os movementos de autobuses e do resto de vehículos implicados nesta suposta intermodalidade (salvo ferrocarril evidentemente), séguense realizando a través desa rúa, sen outros viarios alternativos que puidesen canalizar o aumento e o tipo de tráfico que se prevé nesa rúa, e que dunha maneira sinxela poderíanse trazar a través da terreos propiedade de ADIF. Definitivamente a rúa Eulogio Gómez Franqueira pasará a ser unha estrada que axudará a fragmentar aínda máis ese espazo urbano.

Nesa mesma rúa, xa saturada en polo menos os momentos próximos á chegada e saída dos ferrocarrís, séguese expondo, ademais do tráfico existente na actualidade,  a entrada e saída de coches a un novo aparcadoiro subterráneo para 302 prazas,  os accesos rodados  dos taxis,  dos autobuses urbanos  e do aparcadoiro rápido para deixar e recoller a viaxeiros.

Mantéñense, por tanto, todos os inconvenientes descritos na  nosa alegación, o que nos permite seguir afirmando que a proposta exposta xerará graves problemas de mobilidade na contorna da estación, todo o contrario ao que determina o Regulamento da Lei de Ordenación do Transporte Terrestres que no seu artigo 184 establece para as estacións de Transporte: “Contar con accesos, para entradas e saídas de vehículos, configurados de modo que non produzan interferencias entre os mesmos, nin alteracións sensibles na capacidade normal polas vías lindeiras”.

En relación ás variacións incorporadas ao novo edificio da terminal, sinálase en diferentes apartados do proxecto  que a terminal de autobuses debe de “manter a mesma estética de cuberta e fachada do edificio da estación de ferrocarril, cumprindo así as peticións realizadas neste sentido polo Concello de Ourense na súa carta de 28 de xuño de 2017 e polo Colexio oficial de Arquitectos de Galicia na alegación presentada no 13 de xuño de 2017”.

Ademais, temos que de sinalar que en ningún momento o COAG entrou a valorar na súa alegación o que no proxecto denomínase como “estética da nova terminal.” A alegación unicamente pon en evidencia que a proposta exposta non era, nin o segue sendo agora, a adecuada para ese espazo, entre outras cousas por non cumprir os obxectivos de promover unha mobilidade sustentable dunha maneira rápida e eficiente e por non mellorar a permeabilidade transversal da cidade na contorna da estación de ferrocarril. Máis ben todo o contrario.

É evidentemente que o COAG pode opinar de “estética”. Pero sinalar que o edificio resultante dispón da mesma estética de cuberta e fachada do actual edificio de ferrocarril, segundo sinala a memoria do proxecto, para cumprir a petición do COAG na súa alegación, resulta canto menos sorprendente e falso, máxime cando o COAG entende que as nosas paisaxes, as nosas cidades, son elementos dinámicos formados por diferentes substratos nos que cada tempo fai a súa achega. Con todo, o que pretende o proxecto é mimetizarse coa actual terminal de ferrocarrís, algo totalmente anacrónico e que sen ningunha dúbida dificultará a lectura histórica dos diferentes elementos que comporán este conxunto. Neste sentido, a recente lei de patrimonio promulgada pola Xunta de Galicia establece no seu artigo 44f) que se ha de realizar, “o discernimento da adición de materiais e técnicos empregadas, evitando as adicións miméticas que falseen a súa autenticidade histórica”. Estes criterios deberían de ter unha maior consideración nunha actuación promovida desde a administración pública, coa obriga de exercer un labor exemplificable.

Por tanto e sen entrar en valoracións arquitectónicas, a nova terminal que agora se presenta, lonxe de achegar unha solución congruente,  contribúe a confundir as diferentes achegas de todas as épocas existentes no ben, afastándose dunha solución que debería de achegar valor, harmonía e coherencia ao espazo no que se sitúa. 

ADIF conta con decenas de miles de metros ocupados por praias de vías e antigas construcións dispoñibles para a actuación.

A proposta exposta parte da non liberación deses espazos facendo que a maior actuación urbanística que vivirá Ourense en moitos anos se expoña dunha maneira moi limitada e oprimida,  coincidente coa zona de maior densidade urbana. Incorporar a esta actuación unha mínima parte destes espazos dos que dispón de ADIF resolvería a maior parte dos problemas apreciados polo COAG, logrando que estes necesarios investimentos na cidade de Ourense realícense desde a racionalidade, a eficiencia e por suposto desde a utilidade para a sociedade.

En relación ao resto dos proxectos que  se están redactando e que conforman este chamado proxecto integrador, o COAG descoñece o estado dos mesmos, polo que evidentemente non se pode pronunciar.