Toño Valle expón por primeira vez as súas pinturas paisaxísticas da comarca estradense en Termas de Cuntis

“É un sinxelo xesto de agradecemento cos meus amigos por apoiarme desde as primeiras pinceladas e animarme a mostrar sen vergoña os meus ‘garabatos’ nas redes sociais

A mostra, composta por vinte obras realizadas en óleo, acrílico ou carboncillo, poderase visitar ata o 3 de marzo

 

O balneario Termas de Cuntis acollerá o sábado, día 3, a inauguración da exposición de pintura de Toño Valle. O evento celebrarase ás 18:00 horas no Hotel Balneario Termas de Cuntis. A mostra estará aberta ao público ata o vindeiro 3 de marzo.Toño Valle (1974, A Estrada) expón por primeira vez unha mostra das súas pinturas e confesa que se decidiu a expoñer publicamente empurrado polos seus amigos. “Levaban tempo pedíndome que expuxese para poder ver os cadros. A mostra é un sinxelo xesto de agradecemento que quero ter con todos eles por apoiarme desde as miñas primeiras pinceladas e animarme a mostrar sen vergoña todos os meus ‘garabatos’ nas redes sociais” –sinala o artista–. Aínda que a mostra non leva título, Toño Valle explica que de levalo sería sen dúbida “Grazas”, un agradecemento explícito aos seus amigos, “que fixeron todo isto posible e dos que me sinto moi orgulloso”.

A exposición está composta por unha vintena de pinturas –realizadas en óleo, acrílico e carboncillo– que encarnan paisaxes e lugares moi significativos para o artista, e facilmente recoñecibles para o público, da comarca estradense e arredores.

Toño Valle lembra que xa de neno tiña afección polo debuxo e mesmo chegou a gañar diferentes concursos no colexio e máis tarde tamén no instituto. Pero foi recentemente, en concreto hai dous anos, cando este apaixonado de corazón da pintura colleu por primeira vez un pincel entre as súas mans. Foi na Estrada co pintor Baldomero Calviño. Máis tarde, en Santiago, púxose en contacto co recoñecido artista compostelán Xurxo Martinho, polo que sempre sentiu unha gran admiración como pintor, e que a día de hoxe se converteu nun bo amigo co que seguir descubrindo os segredos da arte pictórica.

Ademais, o evento contará coa actuación musical da cantante Arantxa Pérez (Catoira, 1986), unha gran amiga de Toño Valle que interpretará unha serie de temas do seu novo disco “Hay tanto camino por andar”, publicado hai apenas uns meses e do que xa gravou o videoclip do seu primeiro single, con imaxes capturadas nos espazos do propio balneario Termas de Cuntis. “Virá acompañada da súa inseparable guitarra para poder obsequiarmos con algunha das cancións que xa soan na radio do seu recente estreado disco” –destaca–.