Porto do Son será sede dunha proba de descenso en bici, puntuable no Open Galego de Descenso, no marco do Rompetiño Jump

Competirán máis dun cento de corredores o domingo-9, a partir das 15:30 horas 

Transmitirase en directo no Facebook do evento e a través dunha pantalla xigante que se instalará na zona portuaria da vila

A vila de Porto do Son celebrará esta fin de semana, 8 e 9 de xullo, a segunda edición de Rompetiño Jump, unha mostra de estética e cultura urbana que abrangue manifestacións artísticas, deportivas e de lecer e que ten por obxecto consolidar o estilo de vida urbana en contornos rurais e costeiros.

O evento está organizado pola marca de roupa deportiva Rompiente Clothing- RP Team en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo, Vella Escola Cultura Urbana de Galicia e o Club Ciclista Sonense, ademais de contar co patrocinio do Concello de Porto do Son, a empresa cervexeira Mahou e Galicia Calidade. A organización estima unha participación de arredor de trescentas persoas nas diferentes actividades e teñen en previsión reunir a unhas dez mil persoas na localidade mariñeira.

O principal evento deportivo será unha proba de descenso en bici (DH), última puntuable na tempada do Open de Galicia de Descenso, coorganizada coa Federación Galega de Ciclismo e o Club Ciclista Sonense. A carreira, que se celebrará o domingo-9 coa participación de aproximadamente un cento de corredores, consiste nunha baixada cronometrada en bicicleta por monte e rúas na que os competidores deberán baixar no menor tempo posible superando diferentes saltos e obstáculos. Os adestramentos terán lugar entre as 10:00 e as 13:30 horas e a carreira celebrarase pola tarde, entre as 15:30 e as 19:00 horas. O prazo de inscrición para o descenso estará aberto ata o xoves, día 6, na web http://emesports.es/event/rompeitino-jump/.

O representante de Rompiente Clothing  e un dos organizadores do Rompetiño Jump, Francisco Alvite, explica que se realizará unha transmisión profesional en directo polo Facebook (https://www.facebook.com/rompetinojump/), con posibilidade de conexións coas televisións locais para o seguimiento da proba, con entrevistas a corredores e público, e espectaculares imaxes rexistradas polos drones que voarán en Porto do Son.

Ademais, a organización colocará unha pantalla xigante na zona portuaria para poder seguir con comodidade o percorrido do descenso. A pantalla será de 24 m2, cunhas dimensións de 6×4 e situada a nove metros de altura para ofrecer visibilidade a todo o público.

Para pechar as actividades do Rompetiño Jump, a organización ten prevista unha exhibición de flatland o domingo-9, a partir das 16:00 horas. O flatland é unha modalidade de Freestyle BMX cun estilo de condución suave sobre superficies planas, onde non se inclúen rampas, saltos opi grindrails. Ás veces descríbese como unha forma artística da bicicleta con mestura de breakdance.