Cáritas Interparroquial de Santiago celebrará a Xornada de Solidariedade cos Parados o sábado, 13 de maio, na praza do Toural. O actor Monti Castiñeiras lerá un Manifesto ás 12 da mañá baixo o lema “Formación, emprego sostible e renda xusta”. A entidade mellorou a súa asistencia xeral logrando 152 ocupacións en 2016, o 17,8% máis co ano pasado

Cáritas Interparroquial de Santiago celebrará a XXIV edición da Xornada de Solidariedade cos Parados o vindeiro sábado, 13 de maio, cunha concentración na praza do Toural na que o actor compostelán Monti Castiñeiras lerá ás 12 horas un manifesto baixo o lema “Formación, emprego sostible e renda xusta”.

A efeméride pretende “alertar da multitude de dramas cotiás que está a xerar esta crise de desemprego e a necesidade do compromiso e solidariedade desde a sociedade civil, ademais de reivindicar un forte compromiso das Administracións Públicas para garantir ingresos suficientes e condicións de vida dignas para os cidadáns máis vulnerables”, segundo reza o manifesto. Aposta urxente pola formación para a cualificación e recualificación das persoas, medidas específicas para os grupos máis desfavorecidos e recoñecemento dunha renda garantida para as persoas en estado de pobreza severa constitúen os tres eixos reivindicativos da declaración pública.

O responsable do Centro de Traballo e Cultura da Interparroquial, Miguel Fernández, sinala que a xornada solidaria serve para denunciar esta realidade e, ao mesmo tempo, amosar publicamente “o modelo de intervención de Cáritas fronte ao desemprego xerador de pobreza e exclusión social, baseado nos itinerarios de inserción e integración sociolaboral”, cuxos resultados en 2016 foron 152 colocacións (o 17,8 por cento máis có ano anterior), 1.568 persoas atendidas (4,4% máis) e 4.015 intervencións (8,2% máis). Fernández suliña o “esforzo da institución para ir a máis en obxectivos e coberturas”.

Cáritas tamén celebra que “mellorase” a situación social con respecto ao ano anterior, pero teima en que as cifras seguen a ser “moi elevadas” en canto a paro e exclusión social. A entidade lembra que, tal como indican os datos oficiais, hai unhas 17.000 persoas en paro na área de Compostela, das que 6.658 corresponden á cidade de Santiago, “onde hai 17.000 persoas en situación de pobreza, das que 3.500 sofren pobreza severa”. Segundo estándares da Unión Europea, enténdese por pobreza aquela persoa cuxos ingresos anuais están por debaixo de 7.961 €, e por pobreza severa, por debaixo da metade desta cantidade.

“Facemos presente hoxe aquí o compromiso da Igrexa local de Santiago para tentar promover un sistema económico-social e un mercado laboral máis amplo, máis digno, máis humano e máis cristián tamén, seguindo a mensaxe liberadora das inxustizas de Xesús de Nazaré”, finaliza o manifesto.

Por outra parte, monseñor Julián Barrio, arcebispo da diócese de Santiago, publica unha carta sobre a saúde e o paro: “A reflexión nesta xornada necesariamente ha de considerar a saúde da persoa na que converxen o afecto, o traballo e o descanso, vividos en unidade e equilibrio”.