O balneario Termas de Cuntis vén de renovar por tres anos máis o patrocinio do canoísta Diego Romero (Cuntis, 1990)

O campión galego de inverno, cuarto preolímpico e oitavo de Europa aspira esta temporada a clasificarse para o mundial na distancia de mil metros e a diversos títulos internacionais 

A empresa balnearia Termas de Cuntis renova por tres anos o patrocinio do canoísta local Diego Romero, que acumula títulos e medallas de rango internacional. O ano pasado foi terceiro na Copa do Mundo de 5.000 metros e subcampión da Copa do Mundo de Marathon (26 km). Quedou no cuarto posto preolímpico, a só unha praza de meterse nas Olimpiadas de Brasil, e foi oitavo no europeo de 1.000 metros, entre outros moitos títulos e medallas.

Romero adestra a diario no Centro de Tecnificación de Pontevedra, sesións que combina co seu club de piragüismo do Grove. Esta temporada aspira a clasificarse para disputar o mundial na categoría de canoísta 1 en distancia de 1.000 metros e a conseguir resultados significativos noutras moitas regatas internacionais. De feito é o campión do último descenso do río Sella.

O brillante deportista destaca que é “moi importante” o respaldo de Termas de Cuntis: “Axúdame a afrontar os custes dos desprazamentos a Pontevedra e de material deportivo, ademais de poder usar as súas magníficas instalacións balnearias e a atención da súa área de fisioterapia”.