A xornalista e analista política Pilar Cernuda clausura o ciclo de conferencias 2016 da Cámara de Santiago

Falará da conxuntura actual que se vive en España o vindeiro martes, día 13, ás 20:00 horas

Autora de publicacións sobre grandes personaxes da historia democrática, Moncloa confidencial é o título do seu último libro

A Cámara de Comercio de Santiago pechará o seu ciclo de conferencias de 2016 cunha charla a cargo da xornalista Pilar Cernuda. Falará no salón de actos da entidade sobre “Unha política estable para un país estable”, o próximo martes, 13 de decembro, ás 20:00 horas.Compostelá de nacemento, aínda que vive desde os dezaséis anos en Madrid, Pilar Cernuda xamais quixo ser xornalista, e decidiu estudar arquitectura na Escuela Superior de Arquitectura de Madrid da que foi alumna tres anos. Como un divertimento, comezou a estudar Xornalismo na Escuela Oficial de Madrid. Tanto lle gustou a profesión que decidiu dedicarse en corpo e alma. Nun principio quería facer crónica cultural, pero acabou metida en política.  

Tras unha longa carreira xornalística de máis de corenta anos dedicada á crónica política e ás actividades da Familia Real, Pilar Cernuda traballa actualmente en diferentes medios informativos, tanto en prensa como en radio e televisión, e colabora nos faladoiros de Alsina e Delcura en Onda Cero, cadea onde realiza todos os días un breve espazo, El Bisturí, no informativo do mediodía. É contertulia de Espejo Público en Antena 3, e escribe unha crónica política diaria nunha trintena de xornais de provincias.

Escribiu unha vintena libros de actualidade política, entre eles El Presidente (unha biografía de Felipe González), Ciclón Fraga e El síndrome de la Moncloa. En Genio y Figura, recolle feitos inéditos da traxectoria do rei Juan Carlos I, episodios politicamente moi delicados nunca contados ata agora, como anécdotas. Nesa liña está o último, Moncloa confidencial, sobre os presidentes do goberno central e os autonómicos.pilar-cernuda