O Consorcio de Santiago destina 22.000 euros á restauración dos fondos da biblioteca histórica do Instituto Xelmírez I, unha das mellores de toda Galicia

biblioteca3Entre as xoias que atesoura, destaca un libro en latín de 1523, unha enciclopedia francesa do século XVIII, un Quijote de 1780 e primeiras edicións de obras literarias e históricas de Galicia

O Consorcio de Santiago colabora co IES Arcebispo Xelmírez I na restauración dos fondos bibliográficos da biblioteca antiga do centro, dun importante valor histórico. O organismo interadministrativo aporta a esta actuación 22.000 euros. Esta mañá, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Martiño Noriega; o director do instituto, Manuel Portas; a conservadora e restauradora de obras de arte experta en documento gráfico Barca Cereijo; e a xerente do Consorcio, Belén Hernández, presentaron os avances do proxecto; xunto a outros profesores do centro que están a colaborar nesta iniciativa.

A restauradora Barca Cereijo explica que o IES Xelmírez I posúe un notable patrimonio bibliográfico, unha parte del herdado do antigo Instituto de Segundo Ensino de Santiago, creado en 1845, época na que o centro compartı́a aulas, profesorado, biblioteca e laboratorios coa Universidade. Recolle os fondos bibliográficos acumulados durante toda a súa historia, procedentes do perı́odo vencellado á universidade, de doazóns de antigos profesores, adquisicións propias… “É posiblemente unha das máis importantes e mellores bibliotecas que se poden atopar nun instituto galego” -asegurou a restauradora-. Pola súa parte, o director do centro manifestou a importancia de “brindar á sociedade exemplares que conformaron parte do coñecemento científico deste país en séculos pasados”.

O estado da biblioteca

O centro solicitara unha proposta de tratamento para a restauración dunha enciclopedia francesa. Ao comprobar as condicións nas que se atopaban as instalacións e o perigo que podı́a supoñer para as obras existentes, a restauradora recomendou un tratamento xeral das instalacións, eliminando algúns problemas e reducindo as posibles ameazas que poderı́an afectar ás obras alı́ depositadas.

“As obras débense manter nunhas determinadas condicións. O tempo favorece a proliferación de problemas, pois tanto os factores ambientais como a propia natureza das obras -que se degradan quı́mica e bioloxicamente- prexudican a súa integridade” -sinalou a restauradora-. Así, realizáronse tarefas de mellora das instalacións e de conservación das obras. Instalouse un sistema de ventilación asistida que permite controlar a humidade relativa, co fin de evitar a proliferación do mofo, e renováronse as fiestras. Tamén se fixeron melloras nas librarı́as e nos estantes.

Debido ao elevado valor dalgunhas pezas, adquiriuse mobiliario de seguridade para custodialas, financiado polo Consorcio de Santiago. O organismo tamén financiou as tarefas de conservación e restauración. A restauradora traballou durante oito meses no tratamento das pezas existentes, incluı́ndo unha toma inicial de fotografı́as, baleirado e limpeza de estantes, limpeza individualizada das obras con aspirador profesional e produtos especı́ficos e unha toma final de fotografı́as. Durante a limpeza das obras detectouse a presenza de insectos bibliófagos, mofo e outras deterioracións nos libros causadas polas condicións ambientais e pola manipulación ao longo do tempo.

Nunha segunda fase, que se desenvolverá o vindeiro ano, as principais actuacións previstas na biblioteca son a restauración de Encyclopédie ou Dictionnaire Raisonné des Sciences, des Arts et des Métiers e o tratamento dunha serie de láminas e mapas. E o seguinte paso será “facer unha exposición para que os cidadáns poidan desfrutar destas xoias”, tal como indicou a xerente do Consorcio. Pola súa parte, o alcalde fixo referencia a “un patrimonio bibliográfico de gran valor que estaba oculto” e mostrou “toda a disposición” do Consorcio para “seguir a traballar na recuperación da biblioteca”.

Obras de moi difícil localización na actualidade

Entre os fondos bibliográficos da biblioteca histórica do Instituto Xelmírez I destaca unha primeira edición completa de Encyclopédie ou Dictionnaire Raisonné des Sciences, des Arts et des Métiers, que consta de dezasete volumes de texto e once con láminas, unha edición comezada en 1751 e finalizada en 1772. O libro máis antigo, escrito en latín, é a Geographia de Strabón, publicada en 1523 en Basilea. Tamén conta co Diccionario Octolingüe de Ambrosii Calepini, editado en Lyon no ano 1681; dous volumes encadernados en pergamiño e escritos en latín, hebreo, grego, francés, italiano, alemán, español e inglés.

Entre os atlas cómpre sinalar os de Dufour, Tomás López e o Atlas do Mundo Clásico de Spruner-Menke. Así mesmo, ten unha edición de 1872 da Divina Comedia de Dante ilustrada por Gustavo Doré; xunto con numerosos volumes de autores clásicos como Cicerón, Horacio, Ovidio, Quintiliano, Tácito, Perico ou Livio, en edicións dos séculos XVI, XVII e XVIII. A biblioteca posúe ademais a Opera Omnia Senecae, unha edición latina de 1605. E atesoura o Cursus Mathematici de Pietro Herigono (París, 1644), composta de seis volumes bilingües latín-francés e considerada como a auténtica enciclopedia que recompila o esencial dos coñecementos científicos da época.

Por outro lado, custodia a Historia da Igrexa de Santiago do Cóengo López Ferreiro, 11 tomos publicados entre 1898 e 1907; e a Biblioteca de Autores Españois, de 71 tomos e publicada entre 1864 a 1880. E conserva un Don Quijote de 1780 editado pola Real Academia Española e varias edicións do Diccionario de la Lengua Española, tamén da Real Academia. Á marxe destas xoias bibliográficas, ten primeiras edicións de libros de literatura e historia de Galicia de moi difícil localización na actualidade.