O Colexio de Arquitectos de Galicia forma aos profesores de Santiago sobre os recursos educativos para Educación Infantil do ProxectoTERRA

Analizarán o conto “Sabela e as zocas máxicas” que busca  orientar a observación e a vivencia dos espazos cotiás do alumnado

Celebrarase mañá sábado-8 unha xornada de formación no Centro de Formación e Recursos, a partir das 10:00 horas

O Colexio de Arquitectos de Galicia celebrará mañá sábado, 8 de outubro, unha xornada de formación para o profesorado, integrada no Plan Anual de Formación do Profesorado da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, sobre os novos recursos educativos para Educación Infantil elaborados polo ProxectoTERRA na sede do Centro de Formación e Recursos de Santiago (rúa Villaldía, 37), en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.Os recursos educativos que conforman o proxecto “Da Casa á Escola” procuran un achegamento multisensorial, emocional e afectivo ao espazo vivido, que fai máis rica a construción mental que nestas idades temperás se está a facer dos tres ámbitos máis significativos na vida dos cativos: A Casa – A Escola – O Camiño da Casa á Escola, e que se refiren aos tres ámbitos do privado, social e público que están presentes ao longo da vida e que xa se constrúen desde pequenos. Coincidindo co inicio do curso, os recursos serán enviados gratuitamente ao longo do mes de outubro a todos os centros de Galicia que impartan Educación Infantil.

O conto “Sabela e as zocas máxicas” forma parte destes recursos educativos. A tráves de tres historias –O Segredo do faiado, O moletiño de pan, O tesouro da escola–, preténdese orientar a observación e a vivencia dos espazos cotiás do alumnado de Educación Infantil no ánimo de facelas o máis diversas e completas posibles.

“Sabela e as zocas máxicas”:

   https://issuu.com/colexiooficialdearquitectosgalicia/docs/ptif_sabelaeaszocasmaxicas_conto_we

sabela-e-as-zocas-maxicas