As delegacións de Vigo, Pontevedra e Ourense do Colexio de Arquitectos organizan coa Ordem dos Arquitectos de Portugal os segundos encontros internacionais de arquitectura galega e lusa en Oporto

Os contidos centraranse na arquitectura galega, cun enfoque particular na rehabilitación e intervención no patrimonio

Os arquitectos Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso, xunto con Celestino García Braña, intervirán na xornada de mañá venres-7, e na segunda sesión do 14 de outubro participarán Perfecto Cendón e F. Javier Vázquez e Manuel Gallego Jorreto

As Delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia, en colaboración coa Ordem dos Arquitectos de Portugal, organizan a segunda edición das xornadas “Mesturas II. Encontros Internacionais de Arquitectura Galicia – Portugal 2016”.Nesta ocasión, e por primeira vez, o evento celebrarase en territorio portugués, na sede da Sección Rexional do Norte da Ordem dos Arquitectos en Oporto (rua Álvares Cabral, 144, Porto), organismo correspondente ao Colexio de Arquitectos en España. As presentacións serán os días 7 e 14 de outubro a partir das 19:00 horas (hora portuguesa, 20:00 horas en España). Na xornada de mañá venres intervirán os arquitectos galegos Elizabeth Abalo e Gonzalo Alonso (Abalo Alonso Arquitectos) e Celestino García Braña, ex decano do Colexio de Arquitectos de Galicia. E na xornada do 14 falarán os arquitectos Perfecto Cendón e F. Javier Vázquez (Cendón Vázquez Arquitectos) e Manuel Gallego Jorreto.

Esta segunda edición estará dedica á arquitectura galega, cun enfoque particular na rehabilitación e intervención no patrimonio. As conferencias están comisariadas polo estudio do arquitecto portugués Tiago do Vale e polo estudio galego Santos-Mera Arquitectos.