O Museo del Prado acollerá a exposición temporal “Mestre Mateo”, composta por 11 pezas exentas das coleccións de arte da Catedral de Santiago e de prestadores externos

A Real Academia Galega de Belas Artes, a Fundación Catedral de Santiago e a pinacoteca nacional promoven a mostra do 29 de novembro ao 26 de febreiro para difundir internacionalmente a súa obra

Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes:

“É un fito histórico que a obra do Mestre Mateo, o escultor español máis importante de todos os tempos, se poida ver no Museo del Prado, a primeira pinacoteca clásica do mundo”

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) presentou hoxe a exposición monográfica temporal “Mestre Mateo” que acollerá o Museo Nacional del Prado de Madrid desde o 29 de novembro de 2016 ao 26 de febreiro de 2017 na Sala 51 (Sala de escultura situada xunto á porta baixa de Goya).

A rolda de prensa, que se celebrou esta mañá na Sala Capitular da Catedral de Santiago, estivo presidida e presentada polo deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, e nela interviron o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo; o director do Museo Nacional del Prado, Miguel Zugaza; o xerente da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael S. Bargiela; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e o presidente do Consorcio de Santiago, Martiño Noriega. Ademais, asistiu o comisario da exposición e director técnico e conservador do Museo Catedral de Santiago, Ramón Yzquierdo Peiró, e varios membros da Academia.

A mostra está organizada pola Real Academia Galega de Belas Artes, a Fundación Catedral de Santiago e o Museo Nacional del Prado, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Consorcio de Santiago e Deputación da Coruña. Está composta por once obras de Mateo pertencentes ás coleccións de arte da Catedral, pezas do patrimonio mateano no Museo de Pontevedra e outras dispersas doutros prestadores externos, o que dá como resultado unha composión marcada pola excelencia das obras reunidas e por tratarse da primeira vez que se poderán ver reunidas desde a súa desaparición da fachada mateana do Pórtico da Gloria.

Manuel Quintana Martelo agradeceu a colaboración a todas as institucións implicadas, sen as que non sería posible reunir o soporte económico necesario para poder sacar adiante a mostra. En concreto, o presidente destacou o papel da Fundación Catedral como peza angular do proxecto cultural, agradeceu persoalmente a disposición do director do Museo del Prado para facer realidade a mostra e sinalou as facilidades prestadas polos coleccionistas particulares para prestar as pezas mateanas.

Botando a vista atrás, Quintana Martelo explicou o xurdimento da exposición, xa en 2015. Neste ano, a Real Academia Galega de Belas Artes configurou o Día das Artes Galegas, dedicado na súa primeira edición ao Mestre Mateo. E o día escollido foi o 1 de abril, data que aparece no epígrafe das limeiras do Pórtico da Gloria, aínda que despois a efeméride se acabou estendendo ao longo de todo o ano. Trala publicación dun libro recompilatorio do Ano Mateano, realizado por Yzquierdo Peiró, a Real Academia Galega de Belas Artes concluíu que sería preciso organizar unha exposición e decidiron aspirar a situala no Museo del Prado. “É un fito histórico que a obra do Mestre Mateo, o escultor español máis importante de todos os tempos, se poida ver no Museo del Prado, a primeira pinacoteca clásica do mundo” –asegurou–. Ademais, o presidente indicou que se elaborou un catálogo que servirá para deixar testemuño da exposición no longo prazo.

Román Rodríguez mostrou o seu agradecemento, ao igual que o resto de entidades, á Real Academia Galega de Belas Artes pola súa perseverancia e entusiasmo na procura desta exposición no museo nacional madrileño. O conselleiro de Cultura salientou que a mostra une dous grandes elementos do patrimonio cultural do conxunto da humanidade, o Mestre Mateo como un dos principais escultores da historia pola súa “pegada e calidade profesional escultórica do Pórtico da Gloria” e o Museo del Prado como a mellor institución para poñer en valor a súa figura e obra.

Pola súa parte, Miguel Zugaza precisou que é a primeira exposición do Mestre Mateo fóra de Galicia, polo que se converte nun evento extraordinario no que se reúnen esculturas exentas dun artista unido a Santiago de Compostela e Galicia. “El Museo del Prado servirá de pórtico de la gloria para el Mestre Mateo” –apuntou–.

Tamén na súa intervención, Goretti Sanmartín incidiu na sensibilidade do Museo del Prado ao entender a necesidade de difundir internacionalmente a obra e figura do Mestre. Bargiela dixo que a mostra contribuirá ademais á dinamización turística, económica e cultural de Santiago e o resto de Galicia, “potenciando o Camiño de Santiago fóra das nosas fronteiras”.

Daniel Lorenzo indicou que con esta mostra o Museo del Prado contará por primeira vez, entre a súa proposta escultórica, con pezas de granito do Mestre Mateo no centro do seu espazo expositivo. Para finalizar o acto, Martiño Noriega apostilou que a mostra servirá para reagrupar a obra de Mateo e darlle repercusión pública no Museo del Prado, o que sinalou tamén servirá para a internacionalización da cidade.

Difusión da figura e obra do Mestre Mateo ante o gran público

Os principais obxectivos que se pretenden coa exposición no Museo del Prado son a posta en valor e difusión da figura e obra do Mestre Mateo ante o gran público; a reunión temporal extraordinaria das principais pezas realizadas por Mateo que se atopan fóra dos seus lugares de orixe; potenciar a presenza do Mestre Mateo no percorrido do Museo da Catedral, onde conta cun espazo propio de gran importancia e que será mellorado nun futuro próximo; a recuperación de pezas mateanas que están en grave risco de conservación –por exemplo o David e Salomón da fachada do Obradoiro–; a complementariedade e diálogo co proceso e actividades relacionadas coa restauración do Pórtico da Gloria; a mellora da conservación das pezas expostas e a realización de novos estudos e investigacións; a oportunidade para a presenza da arte galega e da Catedral de Santiago, “Meta do Camiño”, nun dos principais museos do mundo, axudando á valorización e difusión internacional deste patrimonio a través dunha plataforma única e de gran repercusión.

Segundo explican os organizadores, esta mostra de Mateo é o primeiro proxecto de difusión internacional das coleccións artísticas da Catedral de Santiago e é o “broche de ouro” ás actividades desenvoltas pola Real Academia Galega de Belas Artes na honra do Mestre Mateo.

Estrutura da mostra: de 1168 a 1211

Os catro ámbitos temáticos que estruturarán a exposición permitirán realizar un completo percorrido polo traballo do artista na Catedral, desde 1168 ata a consagración da Catedral en 1211. O primeiro ámbito, chamado “O Mestre Mateo”, está centrado na enigmática figura de Mateo e a súa aparición na Catedral en 1168 para levar a cabo as obras de conclusión do templo. A catedral conserva o documento orixinal de concesión, por parte de Fernando II de León, dunha importante pensión vitalicia a Mateo por facerse cargo da dirección das obras.

No segundo ámbito, denominado “A fachada do Pórtico da Gloria”, reflíctese como Mateo finaliza os últimos tramos da nave lonxitudinal da Catedral, salvando o importante desnivel de terreo coa novidosa solución de construír unha cripta, inserta no programa iconográfico desenvolto no nivel superior, onde deseñou o Pórtico da Gloria, obra cume da arte medieval e a súa fachada, modificada no século XVI e substituída no XVIII pola actual do Obradoiro. Desta fachada consérvanse importantes pezas, moitas no Museo da Catedral e outras forman parte do patrimonio mateano disperso. En 1188, colocáronse os dinteis do tímpano central do Pórtico, polo que o remate da fachada pódese datar no ano 1200, participando na súa construción e decoración escultórica un destacado taller que, seguindo ao Mestre, tería unha importancia clave na arte galega dos séculos posteriores.

No ámbito número tres, “O Coro pétreo da Catedral”, destácase como Mateo levou a cabo a construción dun gran coro de pedra que ocupaba os primeiros tramos da nave central da Catedral, organizaba a liturxia do templo e contiña un complexo programa iconográfico que completaba o do Pórtico e a súa fachada. Co Coro finalizouse a construción da Catedral medieval. O 21 de abril de 1211 celebrouse a cerimonia de consagración da Catedral, presidida polo arcebispo de Santiago Pedro Muñiz e do rei Alfonso IX de León.

Este coro mantívose en pé ata 1604, ano no que por cuestións fundamentalmente litúrxicas se substituíu por un de madeira, desmontado en 1945. Da sillería mateana perdéronse moitas pezas, outras recolocáronse e repartíronse por diferentes lugares. O comisario da mostra explica que un proxecto de investigación realizado a finais do século XX permitiu coñecer como sería este coro e recuperar unha parte importante para o Museo da Catedral.

No último ámbito,  “A Catedral, Pórtico de Galicia”, a exposición narra como desde a súa construción ata a actualidade, a Catedral de Santiago conseguiu sobrevivir aos cambios, reformas e épocas de crise, sempre tendo de punto de referencia a súa fachada occidental, e de forma especial o Pórtico da Gloria.

Segundo se explica na mostra, os peregrinos observan marabillados a obra cume mateana e dan grazas a Deus por chegar á tumba apostólica. De feito, a tradición atribúe á imaxe do propio Mestre de xeonllos ante a mesma, o chamado Santo dos Croques. Así, os organizadores consideran que a presenza en Madrid, no Museo del Prado, da Catedral de Santiago a través dunha das súas figuras fundamentais, é a ocasión de facer referencia á importancia do Camiño de Santiago como eixo vertebrador de Europa e vía de comunicación de persoas, ideas ou estilos artísticos.

A exposición pecharase coa imaxe de conxunto do Pórtico da Gloria e as letras que Rosalía de Castro lle dedicou “Na Catedral” na súa obra Follas Novas:

“Vós que os fixeches de Dios ca axuda, de inmortal nome Mestre Mateo, xa que aí quedaches homildemente arrodillado, faláime deso. Mais c’o eses vosos cabelos rizos, santo dos croques, calás… i eu rezo”

Listado das obras da exposición “Mestre Mateo” no Museo del Prado (11):

-Concesión dunha pensión vitalicia ao Mestre Mateo por Fernando II (1168). Tinta sobre pergamino. Arquivo Catedral de Santiago

-Rei David. Mestre Mateo. Ca. 1188 – 1211. Granito. Catedral de Santiago. Fachada do Obradoiro

-Rei Salomón. Mestre Mateo. Ca 1188 – 1211. Granito. Catedral de Santiago. Fachada do Obradoiro

-Abraham/ Jeremías (Atr.). Mestre Mateo. Ca. 1188 – 1211. Granito. Colección particular. A Coruña

-Isaac/ Ezequiel (Atr.). Mestre Mateo. Ca. 1188 – 1211. Granito. Colección particular. A Coruña

-Rosetón da fachada do Pórtico da Gloria (reconstrucción hipotética). Ca. 1200. Granito. Museo Catedral de Santiago

-Enoc (Atr.). Mestre Mateo. Ca. 1188 – 1211. Granito. Museo de Pontevedra

-Elías (Atr.). Mestre Mateo. Ca. 1188 – 1211. Granito. Museo de Pontevedra

-Dovelas co castigo da luxuria. Mestre Mateo. Ca. 1200. Granito con restos de policromía. Museo Catedral de Santiago

-San Mateo. Mestre Mateo. Ca. 1200. Granito. Museo Catedral de Santiago

-Cabalos do cortexo dos Reis Magos. Mestre Mateo. Ca. 1200. Granito con restos de policromía. Museo Catedral de Santiago