Antigos Alumnos da Universidade de Santiago organiza unha xornada sobre intelixencia emocional o primeiro de outubro en Ciencias da Comunicación. Patrocinada polo Consello Social da USC, ten un límite de cento sesenta prazas e xa hai sesenta persoas inscritas. Talento, recursos humanos e coaching son algunhas das habilidades que se abordarán neste encontro chamado ENMENTE, aberto ao público en xeral Antigos Alumnos da Universidade de Santiago organiza unha xornada sobre intelixencia emocional o primeiro de outubro en Ciencias da Comunicación

A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela (Alumni USC), xunto co Instituto de Ciencias da Educación, en colaboración coa USC, celebrará o vindeiro 1 de outubro EN | MeNTE , o primeiro encontro de intelixencia emocional durante toda a xornada na facultade de Ciencias da Comunicación. Patrocinado polo Consello Social da USC, o programa inclúe oito especialistas de recoñecido prestixio, que pertencen  a diferentes ámbitos, entre eles, educación, recursos humanos, innovación e talento, adestramento ou coaching, psicoloxía, intelixencia emocional, etcétera. Serán oito horas de formación (9:00 – 13:30 / 15:00 – 19:00) con capacidade para 160 persoas, cuxa inscrición xa conta cuns sesenta anotados.

A convocatoria está aberta a todas as persoas que queiran mellorar as súas competencias emocionais: estudantes, antigos alumnos que queiran formarse para actualizar algunha das súas competencias, profesionais de diferentes sectores e persoas que queiran emprender ou reorientar a súa carreira profesional. A presidenta de Alumni USC, Benita Silva, indica que se trata dunha actividade en auxe, con orientación práctica, un custo simbólico e que “coincide cos obxectivos da Asociación en canto a relacionar cada vez máis a sociedade e a comunidade universitaria, entendida esta nun sentido amplo”.

A xornada ten un custo de 25 € para as persoas participantes, coa intención de facilitar o acceso a todo tipo de público. As prazas son limitadas polo que as persoas interesadas poden reservar praza, formalizar a inscrición e ampliar información na web www.antigosalumnos.usc.es ,no móbil 605 853 565 ou no enderezo electrónico enmenteusc@gmail.com .0001-16