A Real Filharmonía de Galicia participa en “Música en Compostela” con dous concertos dedicados á música española e galega dirixidos por Maximino Zumalave

rodrigo2O primeiro celebrarase este mércores día 3 e o segundo o venres 5, ambos ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia

 

O mércores contarase coa guitarra de José Luis Rodrigo, que interpretará o popular “Concierto de Aranjuez” de Joaquín Rodrigo

A Real Filharmonía de Galicia participa un ano máis na 59º edición do Curso Universitario Internacional de Música Española “Música en Compostela” con dous concertos. O primeiro celebrarase este mércores, 3 de agosto, e o segundo o venres día 5. Ambas citas terán lugar no Auditorio de Galicia ás 20:30 horas, baixo a batuta do director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave.

O concerto do mércores comezará con O mencer dos soños, que o coruñés Xavier de Paz (1963) compuxo para a Expo-2000 de Hannover dedicada ao propio Zumalave, quen dirixiu á Real Filharmonía de Galicia na estrea da obra para clausurar o pavillón de España.

A continuación os músicos achegarán ao público o popular Concierto de Aranjuez do compositor Joaquín Rodrigo (1901-1999). Esta obra interpretaraa o guitarrista madrileño José Luis Rodrigo, catedrático de Guitarra no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Magnífico docente e concertista, é un dos mellores coñecedores do repertorio guitarrístico, mesmo do máis infrecuente, e o máis profundo coñecedor da música española para este instrumento. Fixou a súa atención na guitarra dende neno, grazas ao temperán contacto que mantivo a través do seu pai. Ao longo da súa carreira recibiu diversos galardóns nacionais e internacionais. Depositario da tradición do mestre Andrés Segovia, ten sido un dos intérpretes máis relevantes da segunda metade do século XX. Dende 1981 é titular da Cátedra Andrés Segovia de “Música en Compostela”.

A orquestra tocará ademais Nubes brancas do compositor ferrolán Xan Viaño (1960-1991), que fora director do Coro Universitario de Santiago entre 1985 e 1989 e fundador da Asociación Galega de Compositores. E o concerto concluirá coa Sinfonía en Re do músico vasco Juan Crisóstomo de Arriaga (1806-1826).