A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana tres concertos en Ferrol, Lugo e Monforte

dahlgren (1)A batuta levaraa o concertino da orquestra, James Dahlgren

Tres trompetistas tocarán como solistas

A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana tres concertos fóra de Santiago. O xoves tocará no Teatro Jofre de Ferrol, ás 20:30 horas; o venres no Círculo das Artes de Lugo, tamén ás 20:30 horas; e o sábado na igrexa Nosa Señora da Antiga (colexio Padres Escolapios) de Monforte de Lemos, ás 18:00 horas.

A batuta destes tres concertos levaraa James Dahlgren, concertino da Real Filharmonía de Galicia dende o ano 2005. Non é a primeira vez que se pon á fronte da orquestra ao tempo que toca o violín. É ademais concertino honorario da Orquestra Nacional de Oporto. Nacido en California, logo de traballar durante cinco anos coa Orquestra da Ópera de San Francisco, aceptou o posto de concertino na Orquestra Metropolitana de Lisboa e, máis tarde, o de concertino asociado na Orquesta Ciudad de Granada. Tras chegar a Europa traballou como concertino invitado en varias orquestras. É profesor de violín na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago.

Tres trompetas

Os concertos comezarán coa Marcha para tres trompetas do compositor alemán Carl Philipp Emanuel Bach (1714-1788), o quinto dos sete fillos de Johann Sebastian Bach. A obra será interpretada por Javier Simó, trompetista principal da orquestra; Ramón Llátser, trompetista coprincipal; e Diego Aragón, estudante de especialización orquestral na Escola de Altos Estudos Musicais.

A continuación a orquestra achegará ao público a Sinfonía para cordas nº 2 do compositor romántico alemán Felix Mendelssohn (1809-1847), que compuxo un total de doce sinfonías para cordas cando tan só contaba entre doce e catorce anos, para seren interpretadas en reunións familiares. De seguido a RFG tocará a Sonata en Re do compositor italiano Petronio Franceschini (1651-1681), que será interpretada á trompeta por Javier Simó e Ramón Llátser; e Fanfarria para St. Edmundsbury do británico Benjamin Britten (1913-1976), que tocarán os tres trompetistas. Os concertos concluirán coas obras de Edvard Grieg (1843-1907) Suite Holberg e Dúas melodías.