José Luis Mascareñas indica que o investimento en I+D “non se considera algo prioritario” ao non xerar beneficios tanxibles a curto prazo

“Para facer unha boa política científica é preciso un sistema educativo que funcione ben”

O director científico do CIQUS ofrecerá mañá unha conferencia na Cámara de Comercio de Santiago, ás 20:00 horas

O director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), José Luis Mascareñas (Allariz, 1961), falará mañá martes na Cámara de Comercio de Santiago sobre a “riqueza” da investigación científica, no ciclo de conferencias aberto pola entidade para analizar a situación económica, social e cultural de Galicia. Será ás 20:00 horas no salón de actos da sede en San Pedro de Mezonzo. O presidente da Cámara, Jesús Asorey, inaugurará o acto ao que asistirán membros do pleno cameral, empresarios composteláns e outras personalidades do ámbito científico e universitario.

O catedrático de Química Orgánica da Universidade de Santiago (USC) explica que as empresas galegas de certo tamaño deberían apostar “forte” por un departamento de I+D, e sobre todo, contratar persoal “motivado e creativo” que impulse a innovación, onde destacaría a figura dos doutores. “Os empregados deben sentirse a gusto e ben tratados para que así poidan dar o máximo e mellorar a competitividade da empresa. É importante tamén que as empresas presten o máximo interese para facer ben as cousas e obter os mellores produtos, e non deixarse levar pola tentación do beneficio rápido” –manifesta–.

Segundo Mascareñas, o investimento en I+D galego, como na maior parte do Estado –agás en Cataluña e País Vasco–, “non se considera prioritario” porque non se ve como un elemento que xere beneficios tanxibles a curto prazo. “Se se alza a vista máis alá dos Pirineos, pódese facilmente comprobar que países como Finlandia, Corea do Sur ou clásicos como EEUU, Alemaña ou Suíza, apostaron seriamente pola ciencia e a I+D para xerar emprego e riqueza e poder soportar mellor os períodos de crise” –indica–.

Ademais, Mascareñas salienta que para facer unha boa política científica é preciso un sistema educativo que funcione ben, fundamentalmente o universitario. “O que fai que a investigación avance son as persoas. Temos que dar oportunidades aos nosos mozos e mozas ben formados e con ganas de facer cousas” –sinala–.

O seu grupo do CIQUS traballa para descubrir novos catalizadores, preparar produtos bioactivos de forma eficiente, e mesmo desenvolver enzimas artificiais compatibles cos organismos vivos. “A pesar dos recortes, a química española segue estando moi ben situada no panorama internacional, e a escola de Santiago, impulsada no seu momento por xente como Luis Castedo, é unha das de maior prestixio nacional. Desde o CIQUS estamos facendo un esforzo grande para intentar aumentar dito prestixio, e situarnos en postos de cabeza a nivel internacional” –apunta.CIQUS1