Os aboados da Real Filharmonía de Galicia recibirán nas vindeiras semanas unha enquisa para opinar sobre a hora de comezo dos concertos da orquestra

rfg (4)Dende os inicios da RFG os concertos empezan ás 21:00 horas e agora valórase a posibilidade de adiantalos

O Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela, organismo responsable da Real Filharmonía de Galicia, en colaboración co Auditorio de Galicia, sede da orquestra, van realizar un estudo para valorar a posibilidade de cambiar os horarios de inicio dos concertos da RFG. Así, os aboados recibirán estes días nos seus domicilios unha enquisa que permitirá coñecer as preferencias da maioría, así como os horarios incompatibles coas profesións doutros.

Todos os concertos de abono da RFG no Auditorio de Galicia comezan, dende os seus inicios no ano 1996, ás 21:00 horas. Na súa maioría celébranse os xoves, aínda que algún ten lugar en venres. O Consorcio de Santiago levaba tempo recibindo suxestións tanto a título individual como colectivo para adiantar a hora dos concertos. Non obstante, os resultados das consultas realizadas ata o momento inclinábanse por manter o mesmo horario. Aínda así, de cara á vindeira temporada, vanse testar as preferencias dos aboados co propósito de tratar de conciliar os distintos intereses do público que cada semana acode a gozar da orquestra. Con esta finalidade, faráselle chegar aos aboados unha enquisa, que poderán remitir por correo ou entregar no propio Auditorio aproveitando a súa asistencia a un concerto.

Na enquisa ofrécense tres horas posibles de comezo dos concertos: 20:00, 20:30 ou manter a actual das 21:00 horas. E pídeselles ademais aos aboados que indiquen un segundo horario preferente. Por último, pregúntaselles se existe algún horario no que lles resulte imposible acudir aos concertos, para que elixan entre as tres opcións horarias e sinalen o motivo que lles impide facelo. Ademais, ofréceselles a oportunidade de que realicen as suxestións que consideren oportunas en relación a este tema.

O Consorcio de Santiago e o Auditorio de Galicia animan á colaboración dos aboados e agradecen a máxima participación para que os resultados sexan o máis xustos posible. A Real Filharmonía de Galicia conta nesta temporada cun total de 502 aboados.