O pintor e presidente da Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, protagoniza o número 22 da Revista “Galegos”

A presentación da publicación celébrase HOXE, ás 20:00 horas, na Academia dentro do ciclo cultural Martes das Artes

 

 A Coruña, 29 de marzo de 2016 (Vía Láctea Comunicación).- A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) presentará esta tarde na súa sede (Praza Pintor Álvarez Sotomayor, 1. A Coruña), ás 20:00 horas, o número 22 da revista “Galegos”. O acto, que forma parte do ciclo Martes das Artes, contará coas intervencións do presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, o escritor e colaborador da revista “Galegos” Perfecto Conde, o tesoureiro da Academia, Miguel Fernández-Cid, e o fotógrafo Vari Caramés.

A revista, que publica Ézaro Edicións, comezou a súa andaina asumindo o compromiso de facer máis visible a realidade de Galicia. A publicación xorde en 2008 coa intención de servir de canle para dar a coñecer e promocionar a terra galega e as cousas que nela ocorren. “Galegos” edítase en galego e en castelán e pretende conxugar nos seus contidos tradicións, folclore e cultura popular cos novos valores emerxentes no ámbito empresarial, artístico, científico ou culinario, contribuíndo así a refrendar e apoiar un desenvolvemento de vangarda.

A revista publícase cunha periodicidade trimestral e a súa distribución realízase non só a nivel autonómico e estatal, por medio de organismos oficiais, senón tamén a nivel internacional, a través das embaixadas de España e os centros galegos de todo o mundo.

Entre os principais contidos deste último número destacan as 40 páxinas da sección Caderno dedicadas ao pintor e presidente da Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo. Inclúe unha entrevista co artista, un poema de Miguel Anxo Ferrán Vello e artigos de Ramón Rozas, Paula Cabaleiro e Miguel Fernández-Cid. A portada da revista correspóndese cun fragmento dunha pintura de Quintana Martelo chamada “O bol branco”.

Na sección de Entrevistas, a revista publica unha conversa entre o xornalista e escritor Perfecto Conde e o poeta Arcadio López-Casanova. Conde entrevista ao mestre de literatura, crítico literario, académico da Real Academia Galega e autor dunha das obras máis recoñecidas e representativas da lírica galega actual, que foi traducida ao francés, inglés, italiano e ruso, entre outros idiomas.

En Crónicas escriben sobre o sector lácteo Marcelino Fernández Mallo e Manuel Lara Coira. Vari Caramés firma “Pasatiempo”, unha galería fotográfica sobre este parque onde o fotógrafo fai unha reflexión sobre o paso do tempo, a madurez, a fraxilidade e o deterioro do ser humano a través de fotografías de formato cadrado, feitas cunha ella cámara Brownie Kodak.

O apartado Persoeiros céntrase neste número na figura de Xosé Filgueira Valverde, escritor e intelectual pontevedrés cunha profunda cultura humanista, coñecido no ámbito intelectual galego como o “vello profesor”. Xesús Alonso Montero, Xosé Carlos Valle Pérez, Xermán Manuel Torres de Aboal e Xosé Fuentes Alende analizan desde distintos ángulos o traballo do gran defensor da cultura galega ao que no ano 2015 se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

No apartado Artigos, Fernando J. Ponte Hernando e Javier del Valle-Inclán Alsina falan do médico e ensaísta español Roberto Nóvoa Santos (1885-1933) e Joaquín Bardavío faino sobre o golpista e dictador galego Francisco Franco.

MANUEL-QUINTANA-MARTELO