O arqueólogo Ángel Concheiro Coello ofrece unha conferencia sobre a conservación e posta en valor do castro de Baroña

PREVISIÓN INFORMATIVA

ASUNTO              Conferencia “O castro de Baroña: asentamento castrexo e modelo de posta en valor dun emblema arqueolóxico de Galicia”, no ciclo Martes das Artes

ORGANIZA          Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA)

RELATOR           Ángel Concheiro Coello arqueólogo

LUGAR               Real Academia Galega de Belas Artes praza Pintor Álvarez Sotomayor, 1 –A Coruña–

DATA                 Mañá martes, 8 de marzo

HORA                20:00 horas


Celebrarase mañá na Academia Galega de Belas Artes, ás 20:00 horas

A Coruña, 7 de marzo de 2016.- A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrará mañá martes, día 8, unha nova sesión do ciclo Martes das Artes coa conferencia do arqueólogo Ángel Concheiro Coello, titulada “O castro de Baroña: asentamento castrexo e modelo de posta en valor dun emblema arqueolóxico de Galicia”. Será ás 20:00 horas no salón de actos da Academia.

O castro de Baroña, situado no Concello coruñés de Porto do Son, é un dos lugares históricos máis coñecidos e visitados de Galicia. Foi un dos primeiros castros escavados con criterios científicos e hoxe en día mostra á vista un dos conxuntos de restos e vestixios arqueolóxicos máis espectaculares e fermosos do norte peninsular.

Na conferencia, o arqueólogo fará un repaso pola súa historia, desde o seu descubrimento ás primerias escavacións en 1933, pasando polos traballos máis recentes realizados en 2015. “Ao longo destes últimos anos, o aspecto do poboado castrexo mudou sensiblemente, sacando á luz un dos sistemas máis complexos e sofisticados da prehistoria galega” –explica Concheiro–.

Por outra parte, Baroña é actualmente un destino turístico masivo. Ao redor de 100.000 persoas visitan as ruínas castrexas cada ano. Concheiro afondará na necesidade de crear un modelo de xestión de visitantes que non comprometa a conservación dos restos e actúe como dinamizador da economía e a cultura locais.

Ángel Concheiro Coello, tamén coñecido como Tito Concheiro (Ordes, 1966), é arqueólogo profesional desde hai 26 anos. Na súa traxectoria destacan escavacións nalgún dos castros máis coñecidos de Galicia, como os traballos desde 1994 no castro de Baroña destinados a mellorar o coñecemento dun xacemento arqueolóxico emblemático de Galicia, recuperar a súa monumentalidade e convertilo nun fito e modelo de xestión sustentable do turismo cultural galego.

 

logo_belas_artes