Luís Tosar interpreta mañá xoves en galego o “Hamlet” de Shostakóvich coa Real Filharmonía de Galicia

O actor, que afronta por primeira vez un proxecto destas características cunha filharmónica, sinala que tentará dar “unha visión máis cercana da obra orixinal, moito máis satírica e irónica”

O director, Paul Daniel, charlará co público asistente antes do inicio do concerto

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2016

No seu concerto desta semana a Real Filharmonía de Galicia réndelle homenaxe ao poeta, dramaturgo e actor inglés William Shakespeare, do que se cumpren 400 anos da súa morte. Será mañá xoves, 18 de febreiro, no compostelán Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas, baixo a batuta do director titular e artístico da RFG, Paul Daniel, que antes da cita, ás 20:15 horas, manterá unha charla previa cos asistentes.

Os músicos achegarán ao público Hamlet de Dmitri Shostakóvich (1906-1975), considerado un dos compositores máis importantes do século XX. Compuxo esta obra para a versión rusa da película que se fixo en 1964, unha adaptación da traxedia de Shakespeare sobre o príncipe de Dinamarca disposto a vingar a morte do seu pai.

Hamlet é a peza máis longa de Shakespeare e unha das traxedias máis influentes da literatura inglesa. Nesta ocasión contarase coa voz do actor galego Luís Tosar, que participará nesta homenaxe como narrador. Empregarase a tradución ao galego realizada por Miguel Pérez Romero en 1993.

Luís Tosar: “Procuraremos rirnos de Shakespeare”

Luís Tosar sinala que “esta é unha experiencia novidosa para min, nunca antes fixera algo tan cercano a isto cunha orquestra filharmónica. Vai ser moi especial. Hamlet é unha peza coa que estou familiarizado porque xa a teño representado pero neste proxecto coa Real Filharmonía de Galicia imos tentar dar unha visión máis cercana da orixinal, moito máis satírica e máis irónica. Procurarei desembarazarme do concepto que xa tiña eu de Hamlet, con moita carga dramática. Intentaremos rirnos máis de Shakespeare, perderlle un pouco o respecto que sempre se lle ten aos grandes autores. A loita é entón separarnos da crudeza, da pesadez, facelo algo máis directo porque ao final é un espectáculo musical”.

O pianista Nicholas Angelich

Ademais, o público terá a oportunidade de gozar co pianista estadounidense Nicholas Angelich, que interpretará o Concerto para piano nº 3 de Prokofiev (1891-1953). Comezou a estudar piano coa súa nai ao cinco anos, aos sete ofreceu o seu primeiro concerto e ao trece ingresou no Conservatorio Nacional Superior de Música de París, onde obtivo o primeiro premio de piano e música de cámara. Ao longo da súa traxectoria profesional recibiu multitude de galardóns en certames internacionais de piano. En 2003 debutou coa Filharmónica de Nova York no Lincoln Center e en 2004 realizou unha xira por Xapón coa Orquestra Nacional de Francia. Actuou coas principais orquestras de Norteamérica, Europa, Corea do Sur, Xapón e China. Traballou baixo a dirección dos directores máis prestixiosos e os seus discos recibiron os máis importantes galardóns da música.

A “Sinfonía nº 10” de Mendelssohn

Os músicos tocarán tamén a Sinfonía para cordas nº 10 do compositor romántico alemán Felix Mendelssohn (1809-1847). Escribiu as súas “12 Sinfonías para Corda” cando tiña entre 12 e 14 anos de idade. Foron as súas primeiras obras e non se publicaron ata despois da súa morte, pola habitual razón de Mendelssohn de prohibir a publicación da partitura das súas obras. Nelas apréciase a enorme atracción que o compositor sentía por Mozart e, sobre todo, por Bach. Do número 10 só se conserva un movemento.