Este domingo, último día para visitar a exposición de postais antigas de Santiago, do coleccionista compostelán Uxío de la Riva, na Casa do Cabido

Nesta mostra poden verse imaxes tan curiosas como a estatua de Montero Ríos no Obradoiro ou a praza da Quintana con árbores

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2016

Baixo o título “Unha ollada ao pasado”, o Consorcio de Santiago, en colaboración co Museo do Pobo Galego, promove unha exposición de postais antigas da cidade do coleccionista compostelán Uxío de la Riva Pol. A mostra exhíbese dende mediados de novembro na Casa do Cabido, na Praza das Praterías, onde se poderá visitar ata este domingo, 21 de febreiro.

Estas imaxes forman parte da colección privada de Uxío de la Riva Pol, un coleccionista compostelán que as deposita no Museo do Pobo Galego en 1988. No seu conxunto son máis dun milleiro de postais, das cales se seleccionaron unhas 270 para exhibilas na Casa do Cabido.

A mostra abrangue dende os primeiros anos do século XX ata os anos 50-60. Nela pódense contemplar imaxes como a estatua de Montero Ríos na praza do Obradoiro, a de Ventura Figueroa fronte ao colexio de San Clemente (hoxe Instituto Rosalía de Castro), o desaparecido cuartel de Santa Isabel, a praza da Quintana arborizada, o edificio Castromil na praza de Galicia, o desaparecido sanatorio Baltar, as rúas ausentes de escaleiras ou a Exposición Rexional Galega de 1909, entre outras moitas.

O compostelán Uxío de la Riva

Uxío de la Riva Pol (Santiago de Compostela 1936-2005), naceu na casa número 2 da rúa Nova. Por parte paterna, a súa familia establécese en Santiago no século XVIII. Entre as familias de la Riva e Pol houbo catro alcaldes de Compostela; familias que chegaron a rexer a Real Sociedade Económica de Amigos do País, a Caixa de Aforros e Monte de Piedade ou o Círculo Mercantil e Industrial.

Gran parte da súa actividade profesional desenvolveuna na Caixa de Aforros de Santiago. Ocupou cargos en varias agrupacións e asociacións da cidade como Cantigas e Agarimos ou o Casino. Formou parte da tuna compostelá e ata chegou a colaborar como extra nunha versión da película “La casa de la Troya”.

A Uxío sempre lle gustou presumir da súa cidade e de ser compostelán, identidade que levaba con grande orgullo. Por todo isto non é de estrañar que se dedicase con entusiasmo a gardar a memoria da súa entrañable Compostela, a través da colección de tarxetas postais. Iniciou esta actividade sendo moi novo, cando descobre na casa dos seus pais uns exemplares moi antigos, o que o levou a atesourar máis dun milleiro unicamente da cidade de Santiago e que depositou no Museo do Pobo Galego no ano 1988.

Horarios da Casa do Cabido

A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata este domingo, 21 de febreiro. Poderá visitarse no horario habitual, de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas; e o domingo de 11:00 a 14:00 horas.