A Real Filharmonía de Galicia rende homenaxe a Chaikovski nas festas do Apóstolo, cun concerto na Praza do Obradoiro, este sábado ás 20:00 horas

O público terá a oportunidade de desfrutar con obras tan populares do compositor ruso como “O lago dos cisnes” e a “Sinfonía nº 5” 

As entradas para as cadeiras xa están esgotadas pero poderase acceder á praza ata completar o aforo

A Real Filharmonía de Galicia participa cun segundo concerto nas celebracións das festas do Apóstolo, conmemorativas do Día de Galicia, mantendo o seu compromiso co público da cidade. A orquestra responde así ademais ao seu propósito de achegar o gran repertorio sinfónico a todos os públicos, saíndo á rúa, como tamén se fará en setembro con varios concertos gratuítos ao aire libre, en barrios emblemáticos de Compostela.

A Praza do Obradoiro acollerá este sábado, 28 de xullo, un concerto dirixido polo mestre titular da agrupación, Paul Daniel, ás 20:00 horas. As entradas para as cadeiras, que eran gratuítas previa retirada da invitación na billeteira do Teatro Principal, xa están esgotadas; pero poderase acceder á praza ata completar o aforo. En caso de choiva, a actuación trasladarase ao Auditorio de Galicia.

O concerto será unha homenaxe ao compositor romántico ruso Piotr Ilich Chaikovski (1840-1893). É o autor dalgunhas das obras de música clásica máis fermosas e populares do repertorio actual.

 

A actuación na Praza do Obradoiro comezará con varios fragmentos de O lago dos cisnes, que Chaikovski escribiu a petición do Teatro de Moscova, en 1875. Trátase do primeiro ballet escrito por un compositor de música sinfónica, xa que na época esta tarefa estaba reservada aos músicos especializados en ballet. O autor, encantado coa idea de compoñer un ballet, decide inspirarse nunha peza que escribira catro anos antes para nenos da súa familia, no transcurso das súas vacacións. Aínda que na súa estrea non tivo moi boa acollida, na actualidade é unha obra universal, que ten sido presentada en numerosas versións diferentes.

 

Os músicos interpretarán tamén a Sinfonía nº 5 de Chaikovski, que compuxo en tres meses, e ten como fío condutor o poder do destino. Estreouse en 1888 baixo a batuta do propio compositor, cunha fría resposta por parte da crítica, o que xerou dúbidas no autor sobre a calidade da obra. Pero co paso do tempo confirmouse como unha das pezas de referencia do repertorio clásico.