A Cámara de Comercio de Santiago e Viaqua asinan un acordo para desenvolver relacións de colaboración, cooperación e apoio mutuo

O director xeral de Viaqua, Julio Masid, espera que esta acción sirva de “efecto chamada” para que outras compañías da contorna compostelá se asocien á entidade cameral 

“As institucións son fortes na medida na que teñen o respaldo do sector empresarial”

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela asinou hoxe un convenio de colaboración con Viaqua Gestión Integral de Aguas de Galicia na súa sede compostelá. Selaron o acordo o presidente da Cámara compostelá, José Sierra, e o director xeral de Viaqua, Julio Masid.O convenio, dun ano de vixencia, ten por obxecto establecer o marco xurídico xeral dentro do que se van desenvolver as relacións entre a Cámara de Comercio e Viaqua, baseadas na colaboración, cooperación e apoio mutuo das organizacións.

En especial, a colaboración da Cámara de Santiago centrarase na defensa e promoción dos intereses xerais de Viaqua, como empresa da súa demarcación cameral e asociada á entidade, así como difundir as súas actividades.

Julio Masid sinalou que con este acordo Viaqua, como empresa galega presente ao longo das catro provincias e na cidade de Santiago desde hai 47 anos, apoia á Cámara de Comercio e convértese nun exemplo para o resto das empresas da demarcación cameral, á vez que espera que esta acción sirva de “efecto chamada” para que outras compañías da contorna compostelá se asocien á entidade cameral. “As institucións son fortes na medida na que teñen o respaldo do sector empresarial” –manifestou–.

Pola súa parte, José Sierra agradeceu a colaboración de Viaqua e a súa implicación co futuro da Cámara de Comercio de Santiago. Ademais, explicou que este convenio terá o seu percorrido co desenvolvemento de accións concretas de interese común para ambas organizacións.