A Real Filharmonía de Galicia protagoniza o concerto conmemorativo do Día das Letras Galegas, este mércores no Auditorio Afundación de Pontevedra

Estreará a obra “Duns folios que foron brancos” do compositor vigués Miguel Matamoro, baseada en textos de Mª Victoria Moreno 

Os músicos, dirixidos por Maximino Zumalave, acompañarán ás voces dun coro e á da soprano compostelá Anaís Fernández

A Real Filharmonía de Galicia protagoniza, como vén sendo habitual, o concerto conmemorativo do Día das Letras Galegas. Celebrarase este mércores, 16 de maio, no Teatro Afundación de Pontevedra, ás 21:00 horas. Nesta actuación, gratuíta e promovida polo Consello da Cultura Galega, levará a batuta o director asociado da RFG, o mestre Maximino Zumalave; e contarase coa voz da soprano compostelá Anaís Fernández; xunto a un coro integrado por membros do Collegium Compostellanum, da agrupación Sólo Voces e do Coro de Cámara Rías Baixas.

O concerto comezará coa popular Alborada do compositor galego Pascual Veiga, unha das figuras máis representativas do nacionalismo musical galego, orquestrada polo vigués Juan Durán. De seguido os músicos tocarán unha selección de Cancións xacobeas de Antón García Abril, baseadas en textos de poetas galegos, neste caso de Valle-Inclán, Álvaro Cunqueiro, Sancho I e Ramón Cabanillas. E soará ademais a Dolora sinfónica de Gregorio Baudot.

 

Homenaxe a Mª Victoria Moreno

En homenaxe á figura á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, a escritora e profesora Mª Victoria Moreno, estrearase unha obra baseada en textos seus. Trátase de Duns folios que foron brancos, que o vigués Miguel Matamoro compuxo por encargo do Consello da Cultura Galega. O xove músico, de 27 anos, empezou a estudar piano dende moi pequeno e axiña comezou a tocar as súas propias creacións. Formouse en Composición no Centro Superior de Música do País Vasco.

 

E o concerto concluirá cunha selección da obra Tres estampas galegas de Mauricio Farto, o compositor valisoletano afincado en Galicia que se dedicou á investigación do noso folclore. A primeira das estampas é unha alborada centrada nunha festa rural familiar, a segunda ocúpase das palilladas de Camariñas e a obra remata cunha pandeirada.