O Colexio de Arquitectos de Galicia organiza o martes un obradoiro infantil gratuíto sobre arquitectura contemporánea no CGAC

Os máis pequenos e as súas familias terán que resolver uns retos construtivos e arquitectónicos

O taller “MieséMáis en Familia. Un cubo que funcione”, dirixido polo colectivo Sistema Lupo, é unha actividade da bienal internacional Ludantia de educación en arquitectura que se celebrará en Pontevedra do 10 de maio ao 17 de xuño 

O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) organiza o martes, día 1 de maio, un obradoiro na rúa para nenos e nenas de 6 a 12 anos que se celebrará no Centro Galego de Arte Contemoporánea (CGAC) de Santiago (rúa Valle Inclán, 2), entre as 11:00 e as 14:00 horas.

O taller é unha actividade incluída no programa “Xogo na Rúa” da I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e Mocidade (Ludantia) que se celebrará en Pontevedra do 10 de maio ao 17 de xuño, organizada polo Colexio de Arquitectos de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia (a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística- APLU), a Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra.

O obradoiro, titulado “MieséMáis en Familia. Un cubo que funcione”, está dirixido polo colectivo Sistema Lupo. Proporcionará aos nenos e nenas as claves necesarias para interpretar a arquitectura contemporánea mediante o legado das figuras máis relevantes.

A metodoloxía inclúe unha parte teórica, onde se fai un achegamento á figura e ao pensamento de cada arquitecto, e posteriormente expóñense unha serie de retos construtivos para ser resoltos en familia aplicando as didácticas de Sistema Lupo. Impartirase en dúas quedas de noventa minutos con grupos de 15 rapaces de 11:00-12:30 e de 12:30 a 14:00.

As inscricións deben realizarse enviando un correo electrónico á dirección: info@sistemalupo.com.

Web Ludantia: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional