Pontevedra acollerá en maio e xuño a I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a Mocidade: LUDANTIA

Celebraranse encontros presenciais entre o 10 e o 12 de maio no Pazo da Cultura, entregaranse premios aos tres mellores proxectos educativos e inauguraranse catro exposicións 

O Colexio de Arquitectos de Galicia e as Administracións Públicas colaboradoras organizan este evento destinado a que os escolares participen na construción do espazo común 

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) presentou hoxe en rolda de prensa, conxuntamente coas Administracións Públicas colaboradoras, Ludantia, a I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a Mocidade, no Pazo da Cultura de Pontevedra.A bienal está organizada polo Colexio de Arquitectos de Galicia coa colaboración da Xunta de Galicia (a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística- APLU), a Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra. Interviron no acto o director executivo de Ludantia, Xosé Manuel Rosales; o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño; o director xeral da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta de Galicia, José Antonio Cerdeira; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Ludantia é un punto de encontro que trata de xuntar experiencias relacionadas coa educación en arquitectura para nenos e nenas e mozos e mozas (ata 18 anos) no ámbito internacional. Trátase dunha plataforma desde a que compartir, debater, experimentar e difundir proxectos educativos e de investigación que traballan co espazo –doméstico, social, urbano, rural, natural ou humanizado– e nos que a infancia e a mocidade son protagonistas.

O obxecto de Ludantia é lograr incluír á infancia e a mocidade nos procesos de construción do espazo común, acompañándoos nos seus procesos de creación e sendo mediadores para que se escoite a súa opinión e se teñan en conta as súas propostas, coa firme crenza de que con iso acadaranse contornas mellores. Por iso o tema elixido para esta primeira edición é o espazo público baixo o título: “Habitar o espazo común desde o lúdico: do patio escolar á cidade como taboleiro de xogo”. 

O evento, aberto a centros  educativos, profesionais da educación, artistas, organizacións gobernamentais ou municipais, organizacións sen ánimo de lucro e persoas/colectivos independentes de todo o mundo interesados na educación do medio construído (arquitectura e territorio), celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra do 10 de maio ao 17 de xuño. Antonio Maroño agradeceu ás tres Administracións Públicas o seu apoio para poder desenvolver Ludantia, una actividade de alcance internacional sobre a educación en arquitectura, indicada para axudar á infancia e mocidade a “soñar un mundo mellor”.

Fases de Ludantia: Proxectos, premios e exposicións

Coa experiencia previa de máis de quince anos na organización das actividades e recursos educativos do Proxectoterra, en setembro de 2016 o Colexio de Arquitectos de Galicia asumiu o compromiso de organizar Ludantia, e estableceuse un plan de acción. De outubro de 2016 a novembro de 2017 desenvolveuse a fase 1 coa realización dos proxectos educativos sobre o espazo público. Recibíronse 89 proxectos de 19 países de Europa e Latinoamérica. En concreto, 18 proxectos dos recibidos foron galegos, sendo os máis numerosos entre os países participantes.

“Os proxectos educativos representan a parte práctica da educación en arquitectura, cos que se propón reflexionar de xeito crítico sobre o espazo público e transformar ditos espazos usando linguaxes artísticas, ben sexa a arquitectura, pintura, escultura, literatura, cine, teatro ou danza, de modo que se consiga a transformación física do espazo ou a transformación simbólica do espazo” –sinalou Xosé Manuel Rosales–.

Nos proxectos presentados, o alumnado sempre foi o autor en exclusiva das obras e proxectos. Os asesores externos e o profesorado axudaron ao mozos e mozas a expresarse por medio das técnicas da arte. Previamente, para os centros galegos, de outubro de 2016 a marzo de 2018 desenvolvéronse catro xornadas de formación para asesores na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Todas as sesións están dispoñibles no seguinte enlace: http://tv.campusdomar.es/series/57fcae081f56a8aa6dfa3a9a).

O colexio Sanjurjo Carricarte da Coruña gaña un dos premios ao mellor proxecto educativo

Xa na fase 2, de xaneiro a marzo de 2018, realizouse a preparación dos contidos da exposición e relatorios. Neste apartado, o comité científico de Ludantia xa procedeu á escolla dos proxectos presentados para amosalos na exposición que estará aberta ao público do 10 de maio ao 17 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra. Todos os proxectos que cumpriron os requisitos esixidos nas bases están accesibles a través da web da bienal: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional.

Ademais, a organización tamén premia os mellores proxectos. O comité científico xa emitiu o seu fallo, premiando a 3 proxectos pola súa innovación e calidade:

Dous representantes de cada equipo de traballo están convidados a contar  a experiencia en Pontevedra. Tamén outorgou 12 mencións a proxectos destacados (Enlace aos proxectos premiados e as mencións que se outorgaron: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional/premiados-e-seleccionados).

Xa finalmente na fase 3, que se corresponde coa celebración da bienal, terán lugar os encontros os días 10, 11 e 12 de maio, onde se farán una serie de conferencias con invitados internacionaiss, seminarios e obradoiros infantís.

As exposicións estarán abertas ao público ata o mes de xuño nas salas de exposicións do Pazo da Cultura. Exporanse catro mostras: “LUDANTIA: Proxectos seleccionados”, “Colombia: País invitado”, “UIA Children-Golden Cubes” e  “Expo Activa”. Esta última exposición é un dos elementos esenciais de Ludantia e organízase grazas á colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. A mostra, destinada principalmente a centros educativos de Primaria, converterase nun gran espazo de xogo a partir da arquitectura, fomentando a autonomía e o xogo en liberdade entre nenos e nenas. Esta exposición interactiva –deseñada por Maushaus (Carlos Arruti e Anabel Varona– estará formada por dispositivos de xogo relacionados coa arquitectura.