O Colexio de Arquitectos de Galicia inaugura o seu ciclo “Conversas COAG” sobre arquitectura e paisaxe coa conferencia do arquitecto e urbanista José Fariña Tojo

Xa co aforo completo de 45 colexiados, celebrarase mañá xoves na sala de formación da sede colexial en Santiago, ás 18:30 horas 

O Colexio de Arquitectos de Galicia iniciará mañá xoves, día 15, un ciclo de conferencias titulado “Conversas COAG. Reflexións sobre a arquitectura e a paisaxe”, destinado a profundar, desde a visión particular dun arquitecto de longa traxectoria, a evolución da arquitectura e a paisaxe.

O primeiro convidado será o arquitecto José Fariña Tojo, que ofrecerá ás 18:30 horas un relatorio titulado “Cara onde van as cidades do século XXI?” ao que asistirán 45 colexiados completando o aforo previsto para a conferencia. Terá lugar na sala de formación do Colexio en Santiago (Praza da Quintana, 1, 2º) e ao finalizar a súa exposición celebrarase unha mesa redonda.

José Fariña Tojo é arquitecto, catedrático pola Universidad Politécnica de Madrid e licenciado en Dereito. É técnico urbanista do IEAL e Máster en Organización de Empresas. É profesor de numerosos cursos de postgrado en España, Italia, Francia e varios países latinoamericanos. Foi director da revista Urban e na actualidade é o director de Ci[ur]. É membro do consello de redacción de CF+S, do comité científico das revistas TRIA, RETICULA, URBS, PLANUR-e e do comité Hábitat español. É experto en boas prácticas do Ministerio de Fomento, da FEMP e do Working Group on Urban Design for Sustainability da Unión Europea. Tamén forma parte do grupo de traballo sobre construción sustentable do comité técnico de normalización AEN CTN-041 de AENOR. É membro da xunta directiva de GBCe e do comité científico de ASA.

Realizou numerosos plans de Urbanismo e de Protección do Patrimonio Histórico, do Medio Natural e da Paisaxe, así como catálogos de Patrimonio Urbano e Medio Natural. Tamén foi xefe de proxectos de SODETEG (Societé d’études techniques et d’entreprises generales) e director xerente de OTAPLAN SA.

Entre as súas publicacións destacan: Clima, territorio y urbanismo; La ciudad y el medio natural; La protección del Patrimonio Urbano: instrumentos normativos; Criterios ambientales en el diseño y la construcción de la ciudad; Los nuevos espacios públicos y la vivienda en el siglo XXI; El libro Blanco de la sostenibilidad en el Planeamiento urbanístico español (en colaboración con José Manuel Naredo); Urbanismo y salud pública (en colaboración con Begoña Merino); Manual de diseño bioclimático urbano (en colaboración con outros autores); Guía de adaptación del Planeamiento al Cambio Climático (en colaboración con outros autores); Recuperando la ciudad. Estrategia para el diseño y evaluación de los planes y programas de regeneración urbana integrada (en colaboración con outros autores); entre outros.