As pezas tridimensionais do artista Guillermo Pedrosa poderanse visitar a partir de hoxe na mostra que acolle a asociación Área Empresarial do Tambre

“A forma dilúese ou faise contundente, xogando a modo de trampantoxo con esa dualidade dunha solidez aparente contra o que non é máis ca pigmento sobre tela montada sobre unha estrutura previa” 

“Persistencia da materia” inaugurarase esta tarde, ás 20:30 horas

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AEPIT) inaugurará hoxe a exposición “Persistencia da materia” do artista Guillermo Pedrosa. O acto será ás 20:30 horas no centro empresarial, e contará coa asistencia do propio autor e do comisario da exposición e membro da xunta directiva da asociación empresarial, Manuel Nieto. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 2 de marzo.A mostra componse de máis dunha vintena de obras, 22 en concreto,  cun formato cadrado en todas elas, desde 40 x 40 centímetros as máis pequenas, ata 1,20 x 1,20 centímetros as máis voluminosas. Segundo explica o artista, a concepción bidimensional da pintura sitúa estes traballos nun terreo híbrido, complexo á hora de inscribilos nas metodoloxías creativas tradicionais. “A forma desmémbrase, dilúese ou faise contundente, adoptando acabados propios doutros materiais máis sólidos, xogando a modo de trampantoxo con esa dualidade dunha solidez aparente contra o que non é máis ca pigmento sobre tela, iso si, montada sobre unha estrutura previa elaborada con outros útiles” –sinala–.

En concreto, Guillermo Pedrosa apunta que as obras xiran en torno a distintas formas tridimensionais, actuando como espazos polimórficos que obedecen ás diferentes formas que se poden artellar a partires do cuadrángulo, xerándose posibilidades  infinitas  dunha única figura primixenia e coñecida: o cadrado, en principio uniforme na súa concepción, e que aquí se transforma, metamorfoseándose nunha  serie de propostas visuais. “Adoito encarar o meu traballo das formas desde unha visión xeométrica, unha percepción da realidade a traveso das matemáticas, deslumbrándome pola representación que adoptan eses conceptos numéricos no espazo, onde unha inquedanza irreflexiva ergue o plano con delicadeza minuciosa para amosarnos a vacuidade ostentosa do baleiro” –destaca–.

Por outra parte, o artista fai referencia tamén a propia parede sobre a que pende a obra, que se fai presente, asoma e toma protagonismo entre as oquedades que se descobren na peza, pasando dese xeito a formar parte fundamental da mesma e facer así un “todo integrador”. Neste punto, Pedrosa sinala que mesmo se teñen en conta xustamente esas perforacións, que forman parte da concepción do espazo na cabeza do autor, á hora de culminar a unidade de traballo, “ese ar, esa ausencia de obra que é o tabique sobre o que pendura a peza e que a mirada do espectador encárgase de completar”.

Guillermo Pedrosa (Vilagarcía de Arousa, 1958) é un artista autodidacta que comeza a pintar aos 14 anos, e aos 17 realiza a súa primeira exposición individual. Parte nun principio da figuración, representando os fríos e húmidos muros das casas rurais nos invernos galegos. As manchas que aparecen nestes muros fóronlle suxerindo múltiples ideas que aos poucos foi desenvolvendo, meténdose máis e máis nunha investigación tenaz, tanto cromática como de fondos e formas que máis tarde o levaría ata á abstracción, que é hoxe en día a súa liña actual de traballo. As súas obras poden atoparse en museos e fundacións de ámbito galego, aínda que tamén se pode ver o seu traballo noutras cidades de España, e en Cuba, Arxentina, Suíza e Portugal.