A Área Empresarial do Tambre distingue a traxectoria de catro empresas asociadas durante os últimos vinte e cinco anos: a estación da ITV, Cingalsa, Agencia Gráfica Gallega e a oficina de ABANCA

O presidente Jesús Chenel explica que enxalzan as particularidades de cada compañía, destacando os ingredientes comúns que comparten, “ilusión, esforzo e colaboración” 

A entidade celebrará un acto de homenaxe o vindeiro mércores, día 20, ás 20:00 horas no salón de actos da asociación

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AEPIT) homenaxeará este ano a catro empresas que cumpren vinte e cinco anos na asociación do polígono industrial. As compañías distinguidas son a estación da ITV do Tambre –Supervisión y Control (SyC-ITV)-Applus–, Cingalsa, Agencia Gráfica Gallega e a oficina de ABANCA no polígono.

A entidade celebrará o acto de homenaxe o vindeiro mércores, día 20, na salón de actos da súa sede do Centro Empresarial do Tambre (Vía Edison, 1), a partir das 20:00 horas, onde fará entrega aos homenaxeados dun pergameo acreditativo e un pequeno agasallo. O evento estará presidido polo presidente de AEPIT, Jesús Chenel, e contará coa asistencia de diversas autoridades autonómicas e locais e representantes de asociacións empresariais, como o conselleiro de Economía da Xunta de Galicia, Francisco Conde; a concelleira de Promoción Económica de Santiago, Marta Lois; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antón Arias; e os representantes da Cámara de Comercio de Santiago, Fernando Barros e José Puente. No transcurso do acto, presentado pola xornalista Paula Pájaro, celebrarase unha charla empresarial que ofrecerá o conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas.

Ademais, das empresas distinguidas asistirán ao evento Patricia Ponce, directora da estación do Tambre de Supervisión y Control (SyC-ITV)-Applus; Jesús Souto de Cingalsa; o xerente da Agencia Gráfica Gallega, Francisco Javier Facal; e da entidade ABANCA o director Territorial, Juan Carneiro, o director de Zona Santiago Ciudad, Ramón Mariño, e o director da oficina do Tambre Ricardo Villar.

A asociación distingue a capacidade de traballo que, ao menos, durante vinte e cinco anos veñen realizando as catro empresas desde as súas naves no Polígono do Tambre. O presidente da asociación, Jesús Chenel, explica que celebran este evento multitudinario para enxalzar as particularidades de cada empresa e o seu bo facer, pero sempre destacando os “ingredientes comúns” que comparten todas as compañías, como son ilusión, esforzo e colaboración.

“As empresas mostran ao longo da súa traxectoria a ilusión por construír, por ver nacer e medrar o seu proxecto e consolidalo ou mesmo transmitilo a outra nova xeración, unha evolución alcanzada grazas a un gran esforzo na procura da competitividade, o mantemento da confianza dos clientes e un afán por innovar e reinventarse ano tras ano” –explica Chenel–.