Os arquitectos galegos propagan a loita contra o cambio climático no Día Mundial da Arquitectura

As sete delegacións do Colexio de Arquitectos de Galicia programan visitas e conferencias nas que se expoñerán as pautas da arquitectura sustentable

O Colexio de Arquitectos de Galicia celebra o próximo luns, 2 de outubro, o Día Mundial da Arquitectura baixo o lema “Actuemos contra o cambio climático!”, de acordo á convocatoria anual –que coincide co Día Mundial do Hábitat– da Unión Internacional de Arquitectos (UIA), organización que representa a 1,3 millóns de arquitectos de todo o mundo.

A ameaza do cambio climático é real. A vertixinosa urbanización e o incremento do sector da construción elevaron notablemente o consumo de enerxía de combustibles fósiles e a emisión de gases de efecto invernadoiro. Para combater un dos maiores riscos aos que se enfronta o planeta débese loitar contra os efectos do quencemento global sobre o medio ambiente e as persoas, segundo reza o acordo adoptado na Conferencia sobre cambio climático celebrada en París en 2015, ademais de adherirse tamén a Conferencia COP 23 (Bonn, 6-17 de novembro 2017) e ao Foro Urbano Mundial 9 (Kuala Lumpur, 7-13 de febreiro 2018) co propósito de promover accións fronte ao cambio climático.

Seguindo esta pauta, as sete delegacións do Colexio de Arquitectos de Galicia compartirán no Día Mundial da Arquitectura e ao longo de toda a semana os seus logros e formulacións en innovación e arquitectura sustentable en beneficio de toda a sociedade.

DELEGACIÓN ACTIVIDADES SEMANA DA ARQUITECTURA
A CORUÑA Xornada “A arquitectura dos colexiados e colexiadas da Coruña

respecto aos retos globais. Exemplos”

FERROL Inauguración da nova sede da Delegación de Ferrol do Colexio de

Arquitectos e da exposición “40 anos de arquitectura en Ferrol”,

creada con motivo do 40 aniversario da entidade

LUGO Visita á sede da empresa de enerxía Norvento, como edificio

exemplo de sustentabilidade fronte ao reto de emisións cero

OURENSE Charla sobre “Arquitectura e clima”, impartida polos arquitectos

Pablo Jorreto Díaz e Pablo López Pro

PONTEVEDRA Visita ás “Salinas do Ulló” en Vilaboa
SANTIAGO Visita guiada a tres edificios da cidade construídos con pedra:

Centro de Estudos Avanzados, Escola de Altos Estudos Musicais e

a sede da SGAE

VIGO Conferencia “Cambio climático e cidades. Impactos e adaptación”

 

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DA CORUÑA

TEMA.-  Xornada “A arquitectura dos colexiados e colexiadas da Coruña respecto aos retos globais. Exemplos” 

A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos organizará o vindeiro xoves-5 unha xornada titulada “Día Mundial da Arquitectura: A arquitectura dos colexiados e colexiadas da Coruña respecto aos retos globais. Exemplos”, que se celebrará ás 19:30 horas na sede da delegación (rúa Federico Tapia nº 62, baixo) e ao que está invitado todo cidadán interesado na temática do cambio climático.

A delegación fai un chamamento a todos os arquitectos e arquitectas que consideran as condicións de sustentabilidade, confort e arquitectura bioclimática nas súas obras, estean en fase de proxecto, en fase de execución ou xa terminadas, para que as presenten ao resto de colexiados e cidadáns. A xornada servirá para compartir experiencias contemporáneas reais, máis aló do campo teórico e das intencións dun slogan, amosando a problemática e as virtudes dos deseños en todas as fases dos mesmos, entendéndoa tamén como unha ferramenta de transferencia do coñecemento entre colexiados.

Algunhas das temáticas, a modo indicativo poderán ser:

–       Criterios de deseño racional na sustentabilidade e aforro de enerxía e as súas consecuencias na linguaxe da arquitectura.

–       Interferencias entre criterios de deseño sostible cos parámetros de planeamento. Contradicións e solucións aportadas desde o proxecto arquitectónico.

–       Encontros, tanxencias e desencontros entre a arquitectura e os sistemas de certificación enerxética de edificios.

–       Binomio arquitecto-cliente no campo da arquitectura eficiente.

–       Tradición e tecnoloxía ao servizo dunha arquitectura contemporánea sostible.

Os colegiados interesados en participar deben enviar ao mail secretario.coruna@coag.es os seus datos persoais e a obra a presentar, destacando a problemática na que fai o acento. Todas as propostas que se presenten serán aceptadas coa condición de que atendan, desde a reflexión arquitectónica, ao labor e o exercicio libre da profesión e se atopen materializadas ou en vías de selo. Ao final da xornada, establecerase unha charla-coloquio á que se porá fin cun viño.

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA A SEMANA DA ARQUITECTURA 

  • Día 5.- 19:30 horas. Xornada “A arquitectura dos colexiados e colexiadas da Coruña respecto aos retos globais. Exemplos” 

 

 

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE FERROL

TEMA.-  Inauguración da nova sede da Delegación de Ferrol do Colexio de Arquitectos e da exposición “40 anos de arquitectura en Ferrol”, creada con motivo do 40 aniversario da entidade

A Delegación de Ferrol do Colexio de Arquitectos inaugurará o vindeiro venres 6, con motivo do Día Mundial da Arquitectura, a súa nova sede, situada na Avenida de Esteiro 129 baixo, ás 19:00 horas. Ademais, conmemorán o 40 aniversario do nacemento da delegación ferrolá e inugurarase unha mostra titulada “40 anos de arquitectura en Ferrol”, onde se expoñerán proxectos executados e non executados na cidade e a súa contorna ao longo destas catro décadas.

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA A SEMANA DA ARQUITECTURA

  • Día 6 -. 19:00 horas. Inauguración da nova sede da delegación, conmemoración do seu 40 aniversario e inauguración da exposición “40 anos de arquitectura en Ferrol”.

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE LUGO

TEMA.- Visita á sede da empresa de enerxía Norvento, como edificio exemplo de sustentabilidade fronte ao reto de emisións cero 

A Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos elexiu un edificio do seu ámbito próximo como exemplo de sustentabilidade fronte ao reto de emisións cero, a sede da empresa de enerxía Norvento (rúa Ramón Mª Aller Ulloa 23. Polígono As Gándaras. Lugo), obra do arquitecto FranciscoPatxi’ Mangado. Organiz unha visita ao edifico para 20 colexiados o vindeiro luns, día 2, ás 11:00 horas.

Moitos son os argumentos que xogan a favor do compromiso deste edificio co medio ambiente, especialmente se se ten en conta que a actividade fundamental da empresa propietaria está fundamentada na investigación neste campo. A lóxica e a sinxeleza como principios son as súas formulacións básicas. O edificio é autónomo enerxeticamente e non está conectado á rede.

Este edificio, centro de investigación de Norvento, atópase no límite entre un polígono industrial e un bosque adxacente, xunto á cidade de Lugo. O proxecto adopta a forma que permite estar aberto e en continuidade co bosque, aproveitando os valores que este pode achegar á arquitectura, á vez que se pecha cara á contorna pouco interesante do polígono. Desta maneira o problema convértese, a través da solución dada, nunha oportunidade para ofrecer un esquema claro con valores  arquitectónicos, tipolóxicos e espaciais. Fotografías do edificio na web do fotógrafo Juan Rodríguez: http://www.juanrodriguezphotography.com/proyectos.htm

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA A SEMANA DA ARQUITECTURA

  • Día 2 -. 11:00 horas. Visita á sede da empresa de enerxía Norvento.

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE OURENSE

TEMA.- Charla sobre “Arquitectura e clima”, impartida polos arquitectos Pablo Jorreto Díaz e Pablo López Pro 

A Delegación de Ourense do Colexio de Arquitectos organiza con motivo do Día Mundial da Arquitectura unha chala o vindeiro martes, 3 de outubro, ás 19:30 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense (rúa do Progreso, 30), sobre “Arquitectura e clima”, impartida polos arquitectos Pablo Jorreto Díaz e Pablo López Prol.

Nesta ocasión, o Día Mundial da arquitectura, que en edicións anteriores formulaba como tema principal a concienciación fronte ao cambio climático, incita agora a ir máis alá e pasar á acción. Segundo explican Jorreto e López, o cambio climático non é un problema de futuro, senún un feito constatable e corroborado a día de hoxe polo 97% da comunidade científica. “É un feito tan trascendente que pode dar comezo a unha nova etapa xeolóxica do planeta, coñecida como Antropoceno, e marcado pola influencia do ser humano nos procesos atmosféricos, xeolóxicos, hidrolóxicos e biosféricos do globo terráqueo, cunha evidencia abrumadora” –sinalan–.

Ademais, os arquitectos consideran que o aumento exponencial da población, así como do consumo enerxético nos últimos 60 anos, ocasionou uns danos sen precedentes,  situando á humanidade nun punto de inflexión que require un comprometido cambio social para axudar a paliar os efectos desta gran ameaza.

Os arquitectos destacan que a arquitectura, o urbanismo e a construción sempre representaron símbolos que reflicten como a humanidade progresa, se desenvolve e adapta ao seu contorno a través da súa modificación. Por isto mesmo tamén consideran que os arquitectos poden ser algúns dos axentes máis determinantes neste deterioro.

“Debemos aproveitar os avanzados medios á nosa disposición para, sen esquecernos das notables ensinanzas que a través das arquitecturas vernáculas temos recibido, afrontar o deseño urbano, a relación co medio ambiente e a configuración dos edificios dunha forma sustentable e comprometida que asegure unha interacción responsable co contorno e un consumo enerxético reducido, impulsando os bos hábitos, a importancia do deseño, as medidas pasivas e as fontes renovables en detrimento dos combustibles fósiles e o incremento do CO2” –argumentan–.

Ademais, a Delegación de Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia celebrará hoxe venres, 29 de setembro, unha nova actividade do ciclo Olladas na rúa, enmarcada na celebración tamén do Día Mundial da Arquitectura. Organizarase unha visita guiada ao Seminario Maior do “Divino Mestre” de Ourense, situado na rúa Estrada do Seminario 20, ás 19:00 horas. A visita estará guiada polo arquitecto Xan Rodríguez e o reitor do seminario Ángel Feijoo Mirón. Con esta trixésimo quinta visita iníciase un novo curso académico das Olladas na rúa. Trátase dun seminario de grandes dimensións xestado no ano 1950 e situado nun dos outeiros que rodean á cidade de Ourense. O diseño fíxose desde Madrid, da man do arquitecto José María de la Vega Samper.

Segundo Xan Rodríguez, arquitecto que dirixiu a última rehabilitación do edificio hai aproximadamente seis anos, desde a creación do seminario o espazo sufriu varias reformas e obras de ampliación e tamén varias particións no seu interior para acoller diversos usos eclesiásticos. Sinala que o inmoble conta cun gran patio central e outros máis pequenos situados na zona sur, unha igrexa que divide a parte norte e a sur, e uns torreóns que emerxen a ambos lados.

Trala súa intervención arquitectónica, o cinematógrafo desapareceu para dar paso a un salón de actos e ao arquivo diocesano, e parte da antiga residencia para seminaristas foi destinada á construción dun xeriátrico para sacerdotes maiores. “Para facer a obra do xeriátrico foi preciso reforzar a estructura, tanto de tellados como de pilares, e unha vez espidas as estancias xeramos un espazo con habitacións casi medicalizadas” –sinala–. Nesta obra, o arquitecto contou coa colaboración do artista plástico Chema Dapena, que renovou as vidrieiras da igrexa, e o escultor Antonio Souto Cortizo, que fixo unha proposta de sagrario e altar.

Ademais, Xan Rodríguez destaca que a nivel de instalacións realizaron un profundo traballo para facer máis sustentable o edificio coa incorporación dunha solución punteira no momento de climatización e calefacción.

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA A SEMANA DA ARQUITECTURA 

  • Día 29.– 19:00 horas. Visita guiada ao Seminario Maior do “Divino Mestre” de Ourense. Olladas na rúa.
  • Día 3.– 19:30 horas. Charla sobre “Arquitectura e clima”, impartida polos arquitectos Pablo Jorreto Díaz e Pablo López Pro no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.

 COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE PONTEVEDRA

 

Tema.- Visita ás “Salinas do Ulló” en Vilaboa 

A Delegación en Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia celebrará o Día Mundial da Arquitectura, o vindeiro 2 de outubro, ás 17:00 horas nas “Salinas do Ulló” en Vilaboa, en colaboración co Concello de Vilaboa e a Asociación Salinas do Ulló. Ao acto asistirán representantes colexiais, autoridades locais e autonómicas, colexiados, colexiadas e todas aquelas persoas interesadas en coñecer esta paraxe singular, exemplo antigo dunha explotación sostible dos recursos naturais e do territorio, e que a día de hoxe está en proceso de posta en valor das súas singulares características patrimonias, naturais e paisaxísticas.

A delegación pretende así implicarse, un ano máis, no necesario impulso para a conservación e recuperación de lugares de tan alto valor como este das Salinas do Ulló. O Rego Tuimil e o Villil desembocan nunha bahía da Enseada de San Simón formando unhas fermosas marismas de auga salada de baixo nivel. Cando sube a marea, as terras baixas anéganse, pasando a formar parte da ría. Por iso foi, que en 1637 se aproveitara a baía para crear unhas grandes salinas, comezando a ser explotadas, en vinculación co mosteiro de Poio, polo Colexio dos Xesuítas de Pontevedra en 1694, chegando o seu uso practicamente ata o século XX.

No lado sur do dique de enseada construíuse tamén no século XIX un dos poucos exemplos de muíños de mareas, que aproveitaba as correntes das pleamares para mover a súa maquinaria. No espazo natural pode disfrutarse a día de hoxe de 4 ecosistemas: o bosque de ribeira, que acompaña aos cursos que desembocan nas marismas; a carriceira, onde se remansa a auga doce; a marisma, nas augas salobres; e por último a enseada, de augas predominantes mariñas.

Durante o acto a celebrar ese día descubrirase unha placa conmemorativa, e farase unha visita guiada por todo o ámbito das salinas, visitando as antigas ruínas das vivendas dos Xesuítas, tamén coñecidas como “Granxa das Salinas”, a zona das marismas –declaradas Espacio Natural Protexido pola Rede Natura 2000–, a zona das presas, e os restos do muíño de mareas. Finalizarase cun pincho a desfrutar por todos os asistentes.

En colaboración co Concello de Vilaboa disporase dun autobús do que poderán facer uso todos os colexiados e interesados en asistir á visita e que sairá ás 16:30 horas da Praza de Galicia de Pontevedra, tendo previsto o seu regreso ás 19:30 horas (é preciso confirmar a reserva de praza no autobús e a asistencia ao acto no mail xd.pontevedra@coag.es).

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA A SEMANA DA ARQUITECTURA 

  • Día 2– 17:00 horas.- Visita ás “Salinas do Ulló” en Vilaboa.

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE SANTIAGO

TEMA.- Visita guiada a tres edificios da cidade construídos con pedra: Centro de Estudos Avanzados, Escola de Altos Estudos Musicais e a sede da SGAE 

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos organiza con motivo do Día Mundial da Arquitectura unha visita guiada o vindeiro xoves-5 a tres edificios significativos da arquitectura contemporánea de Santiago de Compostela, observando e analizando as distintas técnicas e comportamentos da pedra: o Centro de Estudos Avanzados (obra de César Portela. 1999 – 2000), a Escola de Altos Estudos Musicais (obra de Antón García-Abril Ruirz. 1998 – 2001) e a sede da SGAE (obra de Antón García-Abril Ruiz. 2007-2008). A visita estará guiada pola tesoureira da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, Carmen Rey.

O encontro, que comenzará ás 11:00 horas no Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)  diante da Casa de Europa, servirá para reflexionar sobre a convivencia entre tradición e tecnoloxía a través da pedra como material de construción. Desde os primeiros asentamentos do ser humano no territorio galego, a pedra foi o recurso natural máis utilizado, configurando espazos sagrados, domésticos, públicos, etc. Durante séculos, a técnica no uso deste recurso natural foi evolucionando, en constante diálogo co contorno natural e coa forma local de ocupar o territorio.

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA A SEMANA DA ARQUITECTURA

  • Día 5.- 11:00 horas. Visita guiada a tres edificios da cidade construídos con pedra: Centro de Estudos Avanzados, Escola de Altos Estudos Musicais e a sede da SGAE.

Lugar de encontro: Parque de Vista Alegre (Finca Simeón), diante da Casa de Europa.

11:00 horas. Presentación y bienvenida.

11:10 horas. Visita ao Centro de Estudos Avanzado, do arquitecto César Portela.

11:30 horas. Visita á Escola de Altos Estudos Musicais, do arquitecto Antón García-Abril.

11:50 horas. Visita á sede da SGAE, do arquitecto Antón García-Abril.

12:20 horas. Despedida e peche. 

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE VIGO

TEMA.- Conferencia “Cambio climático e cidades. Impactos e adaptación

A Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos organiza no Día Mundial da Arquitectura unha conferencia a cargo do profesor da Universidade de Vigo no Campus de Ourense Juan Antonio Añel Cabanelas, titulada “Cambio climático e cidades. Impactos e adaptación”. Celebrarase o vindeiro luns-2 na delegación (rúa Doutor Cadaval, 5), ás 19:00 horas.

Juan Antonio Añel falará das cidades, a súa demografía e consumo enerxético e a maneira de relacionarse coa cidade, como contorno no que se vive e no que se sufre a contaminación, o clima e o cambio climático. Comentará cuestións que xa se están tendo en conta actualmente mediante equipos multidisciplinares que deseñan cidades con mellor calidade de vida en canto a clima e contaminación. Sinalará a medición de variables ambientais nas cidades, así como o uso de modelos por ordenador para deseñar plans urbanos futuros e o seu impacto. “Nas cidades vive a maior parte da poboación mundial, unha tendencia en aumento. Polo tanto, a cidade e a súa correcta planificación con criterios ambientais serán o principal causante e principal solución para os problemas relacionados co cambio climático” –explica–.

Juan Antonio Añel é investigador Ramón y Cajal en EphysLab na Universidade de Vigo en Ourense. É Codirector da Cátedra Gas Natural Fenosa na Universidade de Vigo, secretario do Grupo Especializado de Física da Atmósfera e Océano da Real Sociedad Española de Física. Ademais, é revisor experto do IPCC e anteriormente foino do Research Fellow en Clima, Valoración de Riscos e Políticas da Smith School of Enterprise and the Environment da University of Oxford.

ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA A SEMANA DA ARQUITECTURA

  • Día 2.- 19:00 horas. Conferencia “Cambio climático e cidades. Impactos e adaptación”, impartida polo profesor da Universidade de Vigo no Campus de Ourense Juan Antonio Añel Cabanelas.