A Real Filharmonía de Galicia achega esta semana aos nenos o conto clásico Pedro e o lobo de Prokofiev

O actor Xosé Barato acompañará aos músicos na narración desta historia infantil

A orquestra ofrecerá dous concertos didácticos para colexios, mañá mércores e o xoves

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra esta semana dous concertos didácticos dirixidos a estudantes de Primaria. O primeiro será mañá mércores día 26, ás 11:00 horas; e o segundo o xoves 27, tamén ás 11:00 horas. Ámbalas dúas citas terán lugar no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.

A batuta destes concertos levaraa o mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da RFG. A orquestra interpretará Pedro e o lobo, unha das obras máis coñecidas do compositor ucraíno Sergei Prokofiev (1891-1953). En 1936 o Teatro Infantil Musical de Moscú encargoulle a Prokofiev unha nova sinfonía para nenos, co fin de cultivar o gusto musical entre os máis pequenos dende os primeiros anos de escola. Compuxo a obra en tan só catro días.

Trátase dunha historia para nenos, con música e texto adaptado por Prokofiev, cun narrador acompañando á orquestra. Neste caso será o actor galego Xosé Barato o encargado de relatar a historia.

O compositor quería ensinar aos nenos a distinguir os instrumentos musicais, de xeito que neste conto sinfónico cada personaxe da historia está representado por un instrumento e unha melodía característica. Así, as cordas representan a Pedro, o protagonista; a frauta é o paxariño; o fagot é o avó; o clarinete o gato; o óboe é o parrulo; tres trompas representan ao lobo e os instrumentos de percusión aos cazadores.