O Consorcio de Santiago promoveu en 2016 un total de sete exposicións vencelladas coa cidade, que atraeron a uns 22.000 visitantes á Casa do Cabido

Exhibíronse postais antigas, os 20 anos da Real Filharmonía de Galicia, unha homenaxe a Rosalía de Castro, esculturas de Camilo Otero, oficios antigos, Compostela en 3D ata a actual de retratos realizados por Carlos Maside

O Consorcio de Santiago promoveu en 2016 un total de sete exposicións vencelladas coa cidade. A Casa do Cabido recibiu ao longo do ano uns 22.000 visitantes interesados nalgunha destas mostras.

“Unha ollada ao pasado” reuniu unha selección de postais antigas da cidade do coleccionista compostelán Uxío de la Riva Pol. Eran imaxes dos primeiros anos do século XX ata os anos 50-60, algunhas tan curiosas como a estatua de Montero Ríos na praza do Obradoiro ou a praza da Quintana con árbores.

A esta seguiulle a exposición conmemorativa do 20º aniversario da Real Filharmonía de Galicia, con fotos, música e vídeos da traxectoria da orquestra. As fotografías procedían do Arquivo do Auditorio de Galicia, do fotógrafo Xaime Cortizo e do músico Luís Soto, frautista da RFG dende a súa creación, moi afeccionado á fotografía e que ten ilustrado os grandes momentos da formación. Ademais, podía verse o primeiro traxe que vestían as compoñentes femininas da orquestra nos seus inicios.

A Casa do Cabido acolleu tamén unha exposición de fotografías de Xurxo Lobato homenaxe a Rosalía de Castro, unha viaxe polos espazos máis importantes na vida e na obra da ilustre poetisa. Nela destacaba Santiago como referente da autora, a través da catedral, as campás, as rúas e a Compostela máis verde, protagonizada pola carballeira de San Lourenzo.

Durante o verán exhibíronse pezas do polifacético artista compostelán Camilo Otero, falecido en 2003. Eran na súa maioría esculturas de pequeno formato de fundición en bronce, en moitas ocasións probas de autor e pezas únicas; xunto a esculturas en terracota, madeira, gravados e pranchas para gravados.

Tamén no verán volvía ás rúas do centro histórico compostelán a exposición “Picheleir@s”, que se inaugurara en 2014. Esta mostra recolle a maioría de oficios e profesións -moitos xa desaparecidos- que tiveron protagonismo na cidade dende a Idade Media ata a actualidade. Conformábana unha trintena de bandeirolas de gran colorido que mostraban a un persoeiro real, cun oficio particular, e situábanse na fachada dos edificios nos que viviron ou traballaron.

Baixo o título “Compostela, a Terceira Dimensión”, o Consorcio promoveu unha exposición de instantáneas en 3D da cidade de Santiago e da catedral do estereógrafo galego Enrique Criado. Tivo un grande éxito de público, en particular a través dos centros educativos.

Na actualidade a Casa do Cabido acolle, ata mediados do mes de marzo, unha mostra con máis de cen retratos realizados por Carlos Maside a persoeiros contemporáneos seus, que plasmou durante os anos 20 e 30 do pasado século. É o caso de Castelao, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas ou Valle-Inclán.

Horarios da Casa do Cabido

O horario da Casa do Cabido é de de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas; e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns permanece pechada ao público.