O Consorcio de Santiago aproba os presupostos para 2017, que ascenden a 9.142.471,05 euros e se manteñen por segundo ano consecutivo

conselloIncreméntanse as partidas destinadas a vivendas e locais comerciais do casco histórico

Rematan as obras do Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación, único en España, que iniciará a súa actividade o vindeiro curso

O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva e Consello de Administración, ambas xuntanzas presididas polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. Entre os temas abordados na orde do día, presentáronse os presupostos para o vindeiro ano, que ascenden a 9.142.471,05 euros. As aportacións das tres Administracións consorciadas mantéñense por segundo ano consecutivo, despois de baixadas continuadas dende 2007. A Administración Xeral do Estado achega 4.795.150 euros, a Xunta de Galicia 2.684. 413 euros e o Concello de Santiago 1.361.295 euros. No presuposto está incluída a Real Filharmonía de Galicia, que xestiona o Consorcio de Santiago.

O Consorcio aprobou esta mañá o seu programa de monumentos para o vindeiro ano, cun orzamento global estimado de 766.188,013 euros, no que se inclúe a continuación das obras do Pazo de Raxoi, destinadas a optimizar a estanquidade e a eficiencia enerxética do inmoble, por un importe de 384.000 euros. E haberá unha partida específica de 443.000 euros para seguir coa mellora das condicións de uso do Auditorio de Galicia.

Ademais, increméntanse as cantidades para a rehabilitación dos locais comerciais (150.000 euros) e vivendas (300.000 euros) situadas no ámbito de Protección Especial da Cidade Histórica. No caso das vivendas, prevese a convocatoria de axudas á rehabilitación de elementos especiais de madeira e reixas dos inmobles, por valor de 150.000 euros; e outra de axudas para os envolventes exteriores dos edificios, tamén de 150.000 euros.

O Centro de Rehabilitación favorecerá a creación de empresas especializadas e a xeración de emprego cualificado e estable

Unha vez concluídas as reunións os membros do Consello e da Comisión visitaron o novo Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación, situado na antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba, en Santiago de Compostela. Este centro, que se destinará de xeito específico á formación especializada e á reciclaxe no eido da rehabilitación de traballadores, técnicos e empresas da construción, é pioneiro en todo o territorio nacional. A súa actividade académica comezará o vindeiro curso 2017-2018.

O centro, cuxo investimento final supera os 7 millóns euros, está promovido pola Fundación Laboral da Construción, en colaboración co Consorcio de Santiago -que financiou parte das obras cun total de 2 millóns de euros-, e conta co apoio do Concello de Santiago e a Xunta de Galicia. Ademais, a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago elaborou o proxecto e dirixiu as obras.

O centro contribuirá a dinamizar a transformación que está a vivir o sector, en particular no relativo á modernización de estruturas empresariais e cualificación de traballadores e técnicos, favorecendo a creación de pequenas e medianas empresas especializadas nesta área de negocio do sector da construción, en grande expansión e potencialmente xeradora de emprego cualificado e estable. Así mesmo, axudará a impulsar a colaboración público-privada nas políticas de recuperación da cidade histórica de Santiago, Patrimonio da Humanidade dende 1985.

As obras dividíronse en actuacións de rehabilitación (con dúas fases diferenciadas) e a construción de novas edificacións. As naves de nova construcción, destinadas a obradoiros, foron acometidas pola Fundación Laboral da Construción co apoio da Xunta de Galicia. No relativo ás dúas fases de rehabilitación, o investimento realizouse con financiamento do Consorcio de Santiago. Na primeira fase rehabilitáronse algunhas das edificacións da antiga fábrica de curtidos, e colocouse a cuberta a todas para garantir a conservación do conxunto. A segunda fase das obras de rehabilitación das edificacións existentes, que acaba de rematar e á que o Consorcio destinou 1.240.000 euros, centrouse no acondicionamento interior das mesmas; destinadas a aulas, oficinas, salón de actos, despachos de profesores e arquivo.

A Fundación Laboral da Construción ten previsto concretar durante os vindeiros seis meses os traballos pendentes de urbanización e equipamento do centro, co obxecto de que poida estar plenamente operativo en xuño de 2017. Na actualidade a Fundación está a desenvolver o programa formativo e a estrutura de funcionamento do centro.

Visita á biblioteca histórica do Instituto Xelmírez I

Ademais, os membros do Consello de Administración e da Comisión Executiva do Consorcio visitaron a biblioteca histórica do Instituto Xelmírez I. O organismo interadministrativo destinou 22.000 euros á conservación e restauración dos seus fondos bibliográficos, de gran valor histórico. Atesoura obras moi antigas e de moi difícil localización na actualidade.

En 2017 o Consorcio de Santiago achegará 23.413,50 euros para continuar co labor de recuperación da biblioteca.