María González Blanco álzase co XI PREMIO RELATO CURTO ALUMNI USC polo seu texto “O segredo de Moira”. “Aposta narrativa arriscada e ben resolta”, indica o xurado que emitiu o seu fallo por unanimidade. Fíxose público esta fin de semana na asemblea da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos USC que se celebrou en Santiago

Éxito de participación coa presentación de corenta e dous orixinais validados segundo as bases do XI Premio Relato Curto, dotado con 500 euros –patrocinio do Instituto Policlínico La Rosaleda. Debido á calidade dos traballos, o xurado acordou sinalar tres accésits a modo de recoñecemento literario. O fallo do premio, ao que se presentaron 42 orixinais, fíxose público o sábado na asemblea de outono da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC que se celebrou na residencia universitaria “Monte da Condesa” de Santiago.

O relato gañador foi o O segredo de Moira, presentado baixo o pseudónimo “Scientia”, que ao abrir a plica resultou ser da autoría de María González Blanco, de Cambados.

Primeiro accésit: o relato Un monólogo para Mrs. Musgrove, presentado baixo o pseudónimo “Nefelibata”, que ao abrir a plica resultou ser da autoría de Noelia Cendán Teijeiro, de Cospeito (Lugo).

Segundo accésit: o relato A ´piccola´ violinista, presentado baixo o pseudónimo “Renata Corosone”, que ao abrir a plica resultou ser da autoría de Montserrat Pis Marcos, de Santiago de Compostela.

Terceiro accésit: o relato Local Hero, presentado baixo o pseudónimo “Brabádego”, que ao abrir a plica resultou ser da autoría de Héctor Cajaraville Araújo.

O xurado, que emitiu o seu fallo por unanimidade, estivo constituído por Mercedes Brea López, catedrática de Filoloxía Románica, Juan Blanco Valdés, director do Servizo de Publicacións USC, e Elisa Pérez Vilariño, mestra no colexio público de Abelendo de Moaña; ademais de Mar Fernández Vázquez, profesora do IV Ciclo da USC, que actuou en calidade de secretaria con voz pero sen voto.

O xurado ponderou a calidade, creatividade e bo facer literario da maioría dos relatos presentados. E do texto gañador subliñou que se trata dunha aposta narrativa arriscada e ben resolta, que engancha e intriga ao lector desde o comezo, que se basea nunha ficción imposible (a contemplación da propia vida por parte do home e da muller protagonistas) e na que, se recorre a un sutil emprego da anagnórese (recurso que consiste no recoñecemento ou descubrimento por parte dun personaxe sobre datos esenciais sobre a súa identidade), para achegar verosimilitude a diferentes afectos, entre os que resalta a dualidade amor/desamor.

foto-xurado