A violoncellista principal da Orquestra de RTVE, Suzana Stefanovic, formará neste instrumentos a novos talentos galegos

stefanovic1Impartirá clases a vindeira semana na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional.

A vindeira semana contarase coa presenza da violoncellista Suzana Stefanovic, os días 19 e 20 de decembro. Ademais dos alumnos da Escola, ofrécense prazas para músicos externos ao centro. Os interesados en participar nestas sesións deberán matricularse a través da páxina web da Escola –www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.

Suzana Stefanovic toca un violoncello de 1827

Suzana Stefanovic naceu en Belgrado, onde iniciou os seus estudos musicais aos sete anos de idade. Logo trasládase aos Estados Unidos e máis tarde a Barcelona, onde foi solista da Orquesta Ciudad de Barcelona e profesora no Conservatorio do Liceo. Leva case dúas décadas como solista da Orquestra de Radio Televisión Española e na actualidade é ademais profesora do Conservatorio de Guadalajara.

Dende os inicios da súa carreira musical ten gañado numerosos premios. Tocou coas orquestras máis prestixiosas de Europa, entre elas a Orquestra de Cámara Europea; baixo a batuta de grandes directores. Ten estreado obras compostas para ela. Ofrece clases maxistrais por toda España e é convidada con frecuencia a impartir cursos en conservatorios e a traballar coas xoves orquestras do país. Toca un violoncello Gaetano Guadagnini do ano 1827.