O Colexio de Arquitectos de Galicia e a EGAP forman integralmente aos arquitectos para que poidan actuar nas áreas de urbanismo do concellos galegos

As xornadas sobre lexislación e urbanismo ao servizo da Administración Local impartiranse ata o mes de abril

O Colexio de Arquitectos de Galicia, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP), inaugurou hoxe o curso de “Urbanismo para arquitectos e outros técnicos ao servizo da Administración”. Os cincuenta alumnos que participan no curso son arquitectos e outros profesionais relacionados co ámbito do urbanismo. A xornada, que se celebrou no Auditorio do Centro Social Afundación de Santiago de Compostela, estivo inaugurada pola secretaria Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas, e o decano do Colexio de Arquitectos, Antonio Maroño.

O curso ten como obxecto que os alumnos e alumnas adquiran os coñecementos teórico-prácticos e habilidades que os capaciten para actuar como profesionais ao servizo da Administración Local galega, ademais de ampliar os seus coñecementos en materia de lexislación e urbanismo. A dirección académica do curso está a cargo do profesor da Universidade da Coruña (UDC), Juan Raposo Arceo, a arquitecta e vogal do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elvira Carregado Pazos, e o arquitecto Ignacio Soto González.

A dirección académica destaca que na actualidade existe unha demanda nos municipios galegos de persoal técnico cualificado e unha necesidade dos arquitectos de mellorar e completar a súa formación con vistas a desenvolver de forma efectiva o traballo cotián dun técnico ao servizo da Administración Local. Nesta liña, o curso pretende reforzar a capacitación profesional dos arquitectos, no marco da “inexcusable e inaprazable” obriga dos concello de contar con eles como únicos técnicos capaces de xestionar a área de urbanismo das entidades locais.

A extensión e contidos do temario enfócanse para obter unha visión global das posibilidades profesionais que ofrece a Administración, e permiten dotar ao arquitecto de coñecementos, fundamentalmente prácticos e operativos en materia de administración e xestión e axeitados ás necesidades laborais do técnico municipal, sempre dominando as áreas de urbanismo, edificación, rehabilitación, xestión urbanística e valoracións. “É de interese a formación integral dos nosos colexiados, a fin de ofertar á sociedade unha resposta á necesidade de profesionalización e capacitación das áreas de urbanismo da Administración Galega. Nada mellor que o coñecemento para dignificar o traballo diario dos arquitectos municipais” –indica a dirección académica–.

O primeiro relatorio da xornada inaugural estivo impartido polo profesor titular de Dereito Administrativo da UDC, Carlos Aymerich Cano, que falou das novas Leis de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e de Réxime Xurídico do Sector Público. Pola tarde, a sesión correu a cargo de Juan Salguero del Valle, funcionario da Administración Local, que analizou a organización administrativa do urbanismo, as competencias estatais e autonómicas e a competencia municipal. As seguintes sesións impartiranse todos os xoves ata o mes de abril na sede do Colexio de Arquitectos en Santiago (Praza da Quintana, 1).