Melide inaugura o seu viveiro de empresas para o que xa recibiron dúas solicitudes de emprendedores

A Cámara de Comercio de Santiago e o Concello asinaron o convenio de colaboración que garante a xestión da incubadora

A entidade cameral ofrecerá asesoramento especializado aos emprendedores de Melide e a súa comarca

A Cámara de Comercio de Santiago e o Concello de Melide inauguraron hoxe o viveiro de empresas da localidade coruñesa, situado no Edificio Multiusos (Praza das Universidades, s/n). O presidente da Cámara, Jesús Asorey, e a alcaldesa melidense, Dalia García, presidiron o acto inaugural e descubriron unha praca conmemorativa da nova incubadora empresarial, acompañados polo director da Fundación Incyde (Instituto Cameral para la Creación y Desarrollo de la Empresa das Cámaras de España), Javier Collado, representantes camerais e doutros municipios da comarca. Ademais, o presidente da Cámara e a rexedora aproveitaron o acto para asinar o convenio que fai efectiva a colaboración para a xestión do viveiro entre ambos organismos.

Jesús Asorey explicou que a apertura do viveiro de empresas aportará unha maior dinamización ao tecido empresarial de Melide e a súa comarca. “Vivimos tempos novos, incertos e cambiantes, onde cómpre construír novas pontes institucionais e plataformas que axuden a crear empresas e emprego. Iniciativa, valor, constancia, innovación, son cualidades esenciais para procurar o éxito en calquera proxecto que se precie” –expuxo–.

Ademais, Asorey destacou o valor do Camiño de Santiago, que pasa por terras melidenses, como unha fonte de riqueza humana, social e económica. “Estamos no momento ideal de cara o ano xubilar 2021 para que esta ruta universal, pola que pasan persoas de case douscentos países, sexa tamén fonte de inspiración para novos servizos e accións de emprendemento empresarial” –indicou–.

Dalia García salientou que o viveiro servirá para apoiar o nacemento de novas empresas e a creación de emprego en Melide e nos municipios da comarca. Destacou que se trata dun edificio moi funcional, cunhas instalacións “envexables” de última xeración e anunciou que xa recibiron varias ofertas. En canto á colaboración coa Cámara, asegurou que a traxectoria da entidade en emprendemento permitirá ofrecer asesoramento especializado ás empresas.

Pola súa parte, Javier Collado manifestou a súa satisfacción pola apertura dun novo viveiro de empresas, infraestrutura que se suma aos 135 viveiros que a Fundación Incyde ten en España, realizados cun investimento de 120 millóns de euros, e que conforman a maior rede de viveiros empresariais de Europa composta por máis de 3.000 empresas.

Cinco despachos e unha sala común de reunións

A adaptación do Edificio Multiusos para albergar ao viveiro realizouse cun investimento de 110.000 euros (un 88% de Feder a través de Incyde e un 12% do Concello de Melide e a Deputación da Coruña). As instalacións contan con cinco despachos para emprendedores e unha sala común de reunións. Desde Melide darase cobertura aos concellos da comarca Terra de Melide (Toques, Santiso e Sobrado dos Monxes) e aos limítrofes de Arzúa, Boimorto e Vilasantar. A día de hoxe dous emprendedores xa presentaron a súa proposta para instalarse na incubadora con proxectos de novas tecnoloxías e fotografía. As futuras solicitudes serán avaliadas por unha comisión de selección de proxectos.

Desde a súa experiencia en creación de empresas e xestión do seu propio viveiro no polígono compostelán de Costa Vella, que este ano cumpre o seu décimo aniversario e foi distinguido polo informe Funcas da Fundación das Caixas de Aforro como o mellor viveiro de España, a Cámara de Comercio de Santiago colaborou activamente co Concello de Melide na posta en marcha do viveiro. A entidade ofrecerá un programa de servizos e actividades para cubrir todo o ciclo de vida do emprendemento, desde o fomento das vocacións empresariais, pasando polo asesoramento para a creación do proxecto empresarial ata a súa consolidación.

Para fomentar o emprendemento no municipio melidense, a Cámara de Comercio de Santiago pon a súa disposición a súa metodoloxía e experiencia contrastada para, ademais de dar acollida física a novos proxectos empresariais con condicións económicas ventaxosas na súa estancia, ofrecer acompañamento empresarial, formación, titorización, consultoría, networking, mentorización e asesoramento especializado segundo as necesidades de cada proxecto.