Os arquitectos de Ferrol organizan unha exposición sobre a evolución da rehabilitación da cidade con vídeos profesionais e debuxos de escolares

A inauguración da mostra, organizada con motivo do Día Mundial da Arquitectura, celebrarase mañá martes-11 no Centro Torrente Ballester ás 19:30 horas

A Delegación de Ferrol do Colexio de Arquitectos de Galicia inaugurará mañá martes, 11 de outubro, unha dobre exposición,l “Antes e despois: Rehabilitación dunha cidade” e “Os nenos son a a cidade do futuro”, para facer unha reflexión sobre a situación arquitectónica do conxunto da cidade en comparativa co estado da mesma antes do inicio das políticas de rehabilitación, prestando especial atención ao número e tipo de intervencións realizadas en inmobles, aos programas de axudas económicas, etc.

Esta análise desenvolverase ao redor dunha exposición de dobre temática, que se inaugurará, en colaboración co Concello de Ferrol, ás 19:30 horas no Centro Torrente Ballester (rúa de Concepción Arenal, s/n). O acto inaugural estará dirixido polo presidente da delegación de arquitectos, Ramón Montero, outros representantes da entidade e membros do Goberno local.

  • Mostra “Antes e despois: Rehabilitación dunha cidade”

A través dunha exposición con proxección de vídeos explicativos, realizados por colexiados e pola Oficina de Rehabilitación de Ferrol, mostrarase ao público o antes e despois da cidade de Ferrol trala intervención no seu patrimonio arquitectónico, e como estas intervencións axudan a deseñar un futuro mellor.

  • Mostra “Os nenos son a cidade do futuro”

Baixo a premisa dun futuro mellor, a delegación convidou aos colexios da cidade para que os alumnos presenten as súas propias propostas de como ven o Ferrol do futuro desde un punto de vista arquitectónico e urbanístico, a través de debuxos, maquetas ou calquera outro medio.

A delegación de arquitectos organiza esta actividade con motivo do Día Mundial da Arquitectura, efeméride que se celebrou o pasado 3 de outubro baixo o lema “Deseñar un futuro mellor”, cando se programaron actividades e se realizaron propostas orientadas a fomentar o gran potencial da arquitectura e do ordenamento urbano e para afrontar o cambio climático e divulgar unha mensaxe sólida, pertinente e accesible.

montaxe-da-exposicion-os-nenos-son-a-cidade-do-futuro